venres 24/09/21

Palabras con memoria: o traballo dignifica

campo agro rural foto de mikel arrazola

craviñar.- Acción de levar o fouciño á/ao ferreira/o para que lle poña o fío dereito e afiado.

Lugar de escoita.- Boiro.

Fonte.- Alumnado do CEIP Praia Xardín (recompilado polo EDLG do Centro).

cusichar.- Coser mal, sen xeito e á présa.

Exemplo.- “Vas estragar ese xénero se llo levas á Muchiña, non aprendeu máis que a cusichar.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Dolores Acevedo.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

legra.- (Ademais de significados coñecidos) Instrumento usado para tornear e traballos  especiais en carpintería de ribeira.

Lugar de escoita.- Costa galega.

Fonte.- Javier Martín.

Outros apuntamentos.- Apunta a fonte que nos tempos en que non existía a electricidade, a legra era empregada polos/as torneiros/as que traballan con torno de vara ou pedal empregando madeira verde.

roza.- (Ademais de significados xa rexistrados) Apeiro de labranza utilizado para rozar, similar ao fouciño, pero de maior tamaño.

Lugar de escoita.- Santa Comba (Lugo).

Fonte.- Ana María (nai de Iria Vila Pozo).

Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

suarego.- (Ademais de significados xa rexistrados) Traveseiro de madeira de quita e pon que se pon no fondo da porta da corte para deter o esterco.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

ter moito berengo.- Ter moito que facer, moito traballo, por exemplo, dun/ha labrego/a con moito gando ou diversas actividades.

Lugar de escoita.- Lier (Sarria).

Fonte.- María Xosé López Castro.

Outros apuntamentos.- Comenta a informante que llo escoitou á súa nai.

comentarios