Palabras con memoria: construíndo linguaxe

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
'Arroeiro' adoita usarse para se referir a unha onstrución moi deteriorada (Foto: Nós Diario).
photo_camera 'Arroeiro' adoita usarse para se referir a unha onstrución moi deteriorada (Foto: Nós Diario).

alcibanco.- Arcón de madeira que tamén se usaba como asento de respaldo onde se gardaban os feixóns secos para ir usando na cociña ó longo do ano.

Exemplo.- “Hai que cambiarlle unha bisagra á tapa do alcibanco.”

Lugar de escoita.- Santa María de Taboexa (As Neves).

Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

 

arroeiro.- (Ademais de significados xa rexistrados) Construción moi deteriorada, derruída.

Exemplo.- “Cando mercaron o piso deixaron vir abaixo o tellado da casa dos vellos e agora teñen un arroeiro.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Lara Rodríguez Peón.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

conete.- Espazo de pequenas dimensións, referido especialmente á vivenda.

Exemplo.- “Presumían de que tiñan un piso de Madrid e resulta que é un conete.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- María Paredes Juncal e Margarita Rodal Dobarro.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

esmolecharse.- Saltarlle a pintura a unha parede.

Lugar de escoita.- O Barbanza.

Fonte.- Constantino Prego.

Outros apuntamentos.- A fonte indica que o descascado denomínase na zona esmocheladura.

lapión.- Dise do lugar da parede que perdeu pintura ou revocado.

Lugar de escoita.- Na zona de Rois.

Fonte.- Constantino Prego.

Comentarios