Palabras con memoria: lingua luxada ou limpa

Nova edición de 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Lamprear emprégase como sinónimo de ensuciar. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lamprear emprégase como sinónimo de ensuciar. (Foto: Nós Diario)

cagasteiro.- Lugar extremadamente sucio e desordenado.
Exemplo.- “Non sei como podes vivir neste cuarto, é un cagasteiro.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Rafael Aguete Curra.
Outros apuntamentos.- Pronúnciase con gheada. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

lambizo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Lixo, pequena peluxe.
Exemplo.- “Sacúdete, que tes un lambizo na chaqueta.”
Lugar de escoita.- Bembibre (Val do Dubra).
Fonte.- Hortensia Vázquez.
Outros apuntamentos.- A fonte sinala que a escoitou seseada.

lamprear.- Ensuciar un tecido, manchar.
Exemplo.- “Lampreaches todo o mantel.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- María del Carmen Rodríguez Pato, Dolores Acevedo.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

morquento/a.- 1. Que ten sucidade. 2. Cheo/a de lorda e con aspecto desagradable.
Exemplo.- “1. Coidado, non te sentes aí que está todo morquento.”, “2. Nin se limpa nin se amaña, vai tan morquento que non podes achegarte a el.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Aurelia Grandal.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

río.- (Ademais de significados xa rexistrados) Sitio para lavar, lavadoiro.
Exemplo.- “Fun ao río a lavar as mantas que non me cabían na lavadora.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Xosé Carballo Brión/Xesús Ferro Ruibal, María Paredes e Teresa Otero Loira.

Comentarios