Palabras con memoria: animaleando

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Despachar ten tamén como significado alimentar os animais domésticos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Despachar ten tamén como significado alimentar os animais domésticos. (Foto: Nós Diario)

acomorar.- Darlle unha ración de comida á parella de bois ou vacas entre laboura e laboura.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

apoxar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Estimular as ubres dunha vaca cando se vai muxir para que dea leite.

Lugar de escoita.- Carbeiral - Bardaos (San Sadurniño).

Fonte.- Avelino Sanjurjo Beceiro (X. Ortigueira).

despachar.- (Ademais de significados obvios rexistrados) Dar de comer e beber aos animais domésticos.

Exemplo.- “Despois de almorzar, todos os días vai despachar o gado.”

Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).

Fonte.- Mario Ferreira.

escaldar.- (Ademais de significados xa rexistrados) [Referido aos niños dos paxaros] movelos ou tocalos de tal xeito que a paxara rexeite os ovos.

Exemplo.- “Pero que andas escaldar os niños? Non ves logo que os paxaros abandonan os ovos?”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Salvador Castro Rúa.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

espandicar.- Estirar o lombo. Pode ser un animal femia co celo ou unha persoa coa fachenda.

Exemplo.- “Mira que espandicado/a vai!”

Lugar de escoita.- Gondaísque (Terra Cha).

Fonte.- Antonio Eimil.

inxela.- Vaca que non queda preñe.

Lugar de escoita.- Arzúa (A Coruña).

Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.

Comentarios