Palabras con memoria: os xogos son sempre necesarios...

Bamban_do_Solpor_3_

cacho (2).- (Ademais de múltiples significados xa rexistrados) Xogo infantil consistente en ir desprazando o cacho por uns cadrados debuxados no chan (portugués: amarelinha; castelán: rayuela).

Lugar de escoita.- Gondomar.

Fonte.- Miguel Anxo Mouriño.

coios.- Xogo das "tabas" na Limia, porque se xogaba con coios ou coias pequenas.

Lugar de escoita.- Porqueira (Ourense).

Fonte.- Antón Méndez Gándara.

lilelo.- Axóuxere, xoguete de bebé que fai ruído ao movelo.

Lugar de escoita.- Corme.

Fonte.- Vocabulario cormelán.

Outros apuntamentos.- Asociación Veciñal de Corme.

pallaperra.- Xogo de rifa ou sorteo que consiste en xuntar na man un número de pallas igual ao de participantes, ao que lle toca a máis pequena, perde.

Exemplo.- “Como ninguén quere ir por auga, xogámolo á pallaperra.”

Lugar de escoita.- Taboada (Lugo).

Fonte.- Lucas Rigueira Rey.

tirandeira.- Bambán, arrandea, carriola, feita de corda e enganchada en dúas pólas dunha árbore que ten como asento un saco dobrado.

Lugar de escoita.- Negreira.

Fonte.- Carmen Souto Negrete.

xipro.- Sinónimo de chifre.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Toño Núñez.

Comentarios