Palabras con memoria: quen non ten problemas?

mural lugo grafitti (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Foto: Carlos Castro / Europa Press.

atracacamiños.- Persoa que obra rápido e con malos resultados. Persoa molesta e rexoubeira.

Exemplo.- "Sempre se ofrece a axudar, pero non te fíes, porque é un atracacamiños", "Mellor non falar diante deles, son uns atracacamiños".

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Manuel Entenza Cidrás.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

bichicomear.- Aproveitarse ou vivir a costa de outros, moverse por interese.

Exemplo.- "Non é máis que un caradura, aí o tes a bichicomear canto pode todo o día".

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Carlos González e María Paredes.

Outros apuntamentos.- Trátase dunha adaptación fonética do inglés beachcomber. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

bicolambido.- Persoa moi escrupulosa e escollida.

Exemplo.- "Este rapaz éche un bicolambido, non come nada ben, todo lle dá noxo".

Lugar de escoita.- A Limia.

Fonte.- Antón Méndez Gándara.

camballón.- (Á marxe de significados xa rexistrados) Home (ou muller) corpulento pero abandonado ou descoidado na maneira de vestir e andar.

Lugar de escoita.- Comarca do Deza.

Fonte.- Andrés Lombardía C.

contafeixóns.- Dise do home que controla os cartos ou actividades da súa muller.

Exemplo.- "Meu home di que gasto moito; é un contafeixóns".

Lugar de escoita.- Lavadores (Vigo).

Fonte.- Enrique Lorenzo Lago.

escofino.- Persoa moi escrupulosa e escollida.

Lugar de escoita.- Porqueira (Ourense).

Fonte.- Antón Méndez Gándara.

Comentarios