Palabras con memoria: os corpos tamén falan

mans

amelo.- (Ademais doutros significados rexistrados) Cada unha das estruturas óseas situadas nas mandíbulas, dente.

Exemplo.- “Ao mociño saíulle un arnelo.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Camen Plata.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

bano.- (Ademais doutros significados xa rexistrados) Impulso, empuxón. Emprégase cos verbos dar e coller.

Exemplo.- “Dáme máis bano no bambán, que quero chegar ao máis alto."

Lugar de escoita.- O Porriño.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

bróchega.- (Ademais de significados xa rexistrados) Refírese a sensación que se experimenta ao seren tocadas zonas do corpo e producirse a risa: cóxega.

Lugar de escoita.- Queixas, Cerceda.

Fonte.- Manuela Barbeito (Yago Pazos Barbeito).

cachogas.- Cóxegas.

Lugar de escoita.- Palmeira.

Fonte.- Constantino Prego.

Outros apuntamentos.- Adoita dicirse con gheada: "cachoghas".

fris.- Cu, traseiro.

Lugar de escoita.- Moa - Vilatuxe, Serra do Candán (sudoeste do concello de Lalín).

Fonte.- Daniel Blanco Moa.

Outros apuntamentos.- Provén do latín dos canteiros de Terra de Montes.

xerelos.- Cando un neno ou nena leva os mocos colgando, dise que leva os xerelos colgando.

Lugar de escoita.- Porqueira (Ourense).

Fonte.- Antón Méndez Gándara.

Comentarios