Palabras con memoria: plantando palabras

Explotación agraria de patacas na Limia (Xunta da Galiza)
photo_camera Explotación agraria de patacas na Limia (Foto: Xunta da Galiza)

abrandizado/a.- Que non madureceu como é debido (referido aos froitos).

Exemplo.- “Estas peras están abrandizadas da xeada.”

Lugar de escoita.- Santa Mariña (Covelo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

destremar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Diferenciar as distintas clases de patacas dunha veiga.

Exemplo.- “Fun ao Reghengo e destremei as Baraka das Quenia.”

Lugar de escoita.- Arbo.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

espurgar.- (Ademais de significados xa rexistrados). Pranar ou escascar as patacas.

Lugar de escoita.- Arbo.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

pobolos.- Chámaselle así a todo aquilo que se cultiva nunha horta: verdura, tomates, pementos.

Exemplo.- Adóitase dicir: “Miña nai vai no mercado vender os pobolos.”

Lugar de escoita.- Vilagarcía de Arousa.

Fonte.- Carmen Pereira.

Outros apuntamentos.- Todos os "os" pronúncianse pechos.

rastrelo.- (Significado matizado) Cando están as castañas nos ourizos, a que está no medio chámase rastrelo e é a mellor para sementar.

Lugar de escoita.- O Pino (A Coruña).

Fonte.- Carmen Castiñeiras.

verrouchiño.- Espiga de millo que non medrou e quedou pequena.

Lugar de escoita.- Arbo.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

Comentarios