Palabras con memoria: a lingua que se fai sociedade

Pavillón das Linguas en Leewarden
photo_camera Pavillón das Linguas en Leewarden

andacamiños.- (Ademais doutros significados) Mozo informal, co que no se ten unha relación seria.

Exemplo.- "Se ela di que non ten mozo, ese será un andacamiños.”

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira López.

Outros apuntamentos.- Ten o mesmo significado que rascamaseiras ou rasca.

bioucho/a.- Aplícase ás persoas que viven soas, illadas, desamparadas, que tamén teñen aspecto de padecer penurias (desfarrapados/as, padecendo inclemencias e outras calamidades).

Exemplo.- "E coa horta teñen de abondo, para dous biouchiños coma eles..."

Lugar de escoita.- Taboada (Lugo).

Fonte.- Paula Ferreiro Pena.

Outros apuntamentos.- Adoita pronunciarse con cariño e nunca referida ás persoas novas.

conxomenear.- Organizar algo, chegar a un acordo.

Exemplo.- “A ver se conxomeneamos para irmos tomar uns pinchos no Nadal.”

Lugar de escoita.- Sarria.

Fonte.- María Xosé López Castro.

Outros apuntamentos.- A fonte indica que escoitou este verbo nun curso de maiores da UNED.

entrañados/as.- Familiares.

Exemplo.- "Ese é un dos meus entrañados: é primo meu.”

Lugar de escoita.- Ferramulín (o Courel).

Fonte.- Mª Natividad González Alonso (Leiras Pulpeiro de Quiroga).

homa.- Feminino de home.

Exemplo.- "Oístes, miña homa?", "Vaites, miña homa!"

Lugar de escoita.- San Mamede de Carnota (A Coruña).

Fonte.- Mar Llinares García.

muque, a.- Á forza, por obriga.

Exemplo.- “Pois terás que facelo a muque.”

Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

Outros apuntamentos.- Indica o informante que comprobou que é tamén coñecida na zona de Goián (concello pontevedrés de Tomiño) e na parroquia de Castrelo (concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade). Un seu amigo brasileiro informouno indicando que alí usan unha expresión semellante (non igual) deste xeito: “Aqui no Brasil há muita gente que diz ‘no muque’, pra dizer com força física. Nos dicionários encontra-se também isolado  o termo "muque", definido como bíceps, braço poderoso, forte”.

Comentarios