Palabras con Memoria: Lume!!

lareira
photo_camera lareira

carolo (2).- (Ademais de significados xa rexistrados) Substancia negra e pegañenta que fica impregnando as zonas que o fume está a tocar con frecuencia, por exemplo nas cambotas das lareiras.

Lugar de escoita.- Ferrolterra.

Fonte.- Henrique Dacosta.

caruma.- Faísca.

Exemplo.- "Saltan carumas do lume.”

Lugar de escoita.- O Pindo (Carnota).

Fonte.- Aarón Lourido.

charameta.- Charamela, faísca.

Lugar de escoita.- Nois (A Mariña).

Fonte.- Marcos Candia.

latiza.- (Ademais de significados coñecidos) Presada de ramas para alumear. De palla centea para queimarlle o pelo aos porcos na matanza.

Lugar de escoita.- Baiona.

Fonte.- Informante do Centro de Día de Baiona.

morralleira.- (Ademais de significados xa rexistrados) É o que queda ardendo nun monte despois de queimar e facer un lume grande.

Exemplo.- "Aproveitei a morralleira para asar unhas patacas."

Lugar de escoita.- A Coruña.

Fonte.- Martín Villamarín Bello.

rufo.- Lume.

Lugar de escoita.- Bergantiños e noutras zonas da Galiza rural.

Fonte.- Alberte Suras.

Outros apuntamentos.- Indica o informante que é moi posíbel que derive da xiria dos canteiros.

Comentarios