xoves 26/11/20

Palabras con Memoria: Humus

antola.- Morea de restroballos e torróns formada tras cavar o monte e que se queimaba para empregar como fertilizante. Entola, tola, burrueiro, fornalleira, tilleiro.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- ENDL de Navia de Suarna.

argueiro.- (Ademais de significados xa rexistrados) O esterco cando se quita para ser utilizado.

Lugar de escoita.- Xuño, Caamaño, Queiruga, San Pedro, Porto do Son, Oleiros, Ribeira e Corrubedo.

Fonte.- José Antonio Brión.

Outros apuntamentos.- Dito argheiro, con gheada.

baluma.- (Ademais de significados xa rexistrados) Toxo para estrar.

Lugar de escoita.- Páramos (A Coruña).

Fonte.- Sergio Fernández Núñez (escoitado a Mónica, veciña).

Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

braña.- (Ademais de significados xa rexistrados) Forraxe para estrar as cortes dos animais, recollido do toxo femia.

Lugar de escoita.- Carbeiral-Bardaos (San Sadurniño).

Fonte.- Avelino Sanjurjo Beceiro (X. Ortigueira).

Outros apuntamentos.- O toxo macho, que pica, empregábase como leña para as cociñas.

cutiar.- Estercar.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Toño Núñez.

estrabo.- (Ademais doutros significados) Tratábase do esterco que se botaba diante da casa e que cumpría a función de ser unha especie de cemento que non permitía que se desfixese a terra e entrase na casa. Sobre esa capa adoitábase secar o gran.

Lugar de escoita.- Bembibre, Val do Dubra.

Fonte.- Hortensia Vázquez Fraga.

Outros apuntamentos.- Sinala a fonte que con este mesmo significado, nese mesmo lugar, pódese empregar a palabra cañeira, ademais do que xa figura neste glosario.

comentarios