Palabras con memoria: Sabedoría animal

Vacas pastando nunha leira (Xunta).
photo_camera Vacas pastando nunha leira (Xunta).

acomerar.- Dar de comer. A palabra foi escoitada en participio e facendo referencia a animais.

Exemplo.- "Os cans xa están acomerados." (xa se lles deu de comer).

Lugar de escoita.- Nebra (Porto do Son).

Fonte.- Anxo Tarrío.

anguear.- Expresión utilizada cando un can foxe laiándose dun ataque, ou cando ten fame, frío, etc.

Exemplo.- “Voulle dar un pau a ese cadelo e vai anguear todo o día.”

Lugar de escoita.- Cerdedo, Sabucedo, Forcarei, Herbón (Padrón).

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

Outros apuntamentos.- Outro informante (do concello de Vila de Cruces) estende, porén, o significado de “anguear” tamén ás vacas, ó me informar de que destas se dicía que “angueaban” cando saían da corte cheas de fame pra ir mantelas a unha veiga ou ó monte.

axar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Levantar o voo as aves. Tamén se di cando o vento eleva calquera cousa.

Exemplo.- "Non colgues a roupa fóra, que che vai axar co vento."

Lugar de escoita.- Carbeiral-Bardaos (San Sadurniño).

Fonte.- Avelino Sanjurjo Beceiro.

bormo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Enfermidade que collen as bestas por comer herba verde, que lles produce moco.

Lugar de escoita.- Aldariz (Lousame).

Fonte.- CPI de Lousame.

Outros apuntamentos.- A fonte indica que para botar fóra esa enfermidade cómpre facerlles respirar follas de eucalipto queimadas.

extramontar.- Escapar o gando a outro monte.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

perico.- (Ademais doutros significados) Deposición de burro.

Lugar de escoita.- Salceda de Caselas.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

Comentarios