Palabras con Memoria: a terra sempre dá froitos

Posto no mercado de Abastos de Compostela (Arxina).
photo_camera Posto no mercado de Abastos de Compostela (Arxina).

apetar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Rebentar de maduro/a.

Exemplo.- “Os tomates apetaron coa calor destes últimos días.”

Lugar de escoita.- Arbo.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

buseiro.- Cesta pequena de vimbio que serve para traer as patacas da despensa.

Lugar de escoita.- Boiro.

Fonte.- Alumnado do CEIP Praia Xardín (recompilado polo EDLG do Centro).

carouba.- Garouba, óso da froita.

Lugar de escoita.- Bisbarra de Sarria.

Fonte.- María Xosé López Castro.

cunchilla.- Restos de cunchas que se apañaban na praia para comeren as galiñas, poñeren ovos e despois non os comeren, pois ponlle a casca máis dura os ovos.

Lugar de escoita.- San Pedro da Ramallosa.

Fonte.- Informante no Centro de Día de Baiona

lazo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Mancha oleosa de cores brillantes que ás veces ten o viño ou o café.

Lugar de escoita.- Arbo.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

mouga.- Broa.

Lugar de escoita.- Bergantiños e noutras zonas da Galiza rural.

Fonte.- Alberte Suras.

Outros apuntamentos.- Indica o informante que a pronunciación se fai con "gheada". É moi posíbel que derive da xiria dos canteiros.

tampullo.- Botelo.

Lugar de escoita.- Boiro.

Fonte.- Alumnado do CEIP Praia Xardín (recompilado polo EDLG do Centro).

Outros apuntamentos.- “Encántame o tampullo con patacas e grelos.”

Comentarios