aleitar.- (Ademais do significado coñecido. En sentido figurado) Desexar algo vivamente.
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- ENDL de Navia.
Outros apuntamentos.- Ten o matiz de que unha vez tida a oportunidade de facer realidade o desexo, o degoirado bótase atrás por incerteza, medo ou calquera outra razón.
auñar.- (Ademais de signficados xa rexistrados) Darse présa, apresurarse.
Lugar de escoita.- Ferrolterra.
Fonte.- Henrique Dacosta.
baiurar.- Cavilar imposíbeis, mesmo utopías.
Lugar de escoita.- Terra de Melide e Terra do Medio.
Fonte.- Xosé Vázquez Pintor.
cimprear.- (Ademais de significados xa rexistrados) Insistir, porfiar.
Lugar de escoita.- Zona de Vilalba (Lugo).
Fonte.- Xosé Manuel Fernández.
esgarafitarse.- (Ademais de significados xa rexistrados) Acción de enfadarse moito e non deixar lugar a réplica.
Exemplo.- "Á miña nai escapáronlle as vacas á horta de María, a veciña, que axiña saíu da casa para esgarafitarse con ela".
Lugar de escoita.- Zona de Navia de Suarna (recollida en Son).
Fonte.- Raquel González Díaz / ENDL Navia de Suarna.
estorrear.- Cavilar e argallar en procura dunha solución a un problema.Tamén cos significados de esturriar.
Exemplo.- “Estou estorreando a ver como soluciono este asunto.”
Lugar de escoita.- Carral.
Fonte.- Encarna Vidal Santos.
rebarusa.- Persoa alporizada.
Lugar de escoita.- Padrón.
Fonte.- Constantino Prego.