mércores 27/10/21

Palabras con memoria: xogando entre as palabras

buxaina xogo

arremudar (ou pedir arremudos).- No xogo das bólas, licencia para poder lanzar dende outro lugar distinto, pero equidistante con relación ao rival. Ao parecer, nos bailes de antano dicíase tamén facer unha arremuda ou arremudar cando se procedía a cambiar de parella no baile.

Lugar de escoita.- Cuntis.

Fonte.- Marcos Seixo.

Outros apuntamentos.- A fonte indica que pode estar relacionada con arredar. Adoita facerse (no xogo das bólas) para evitar algún obstáculo (un montículo ou un charco).

capichón.- Viravolta.

Lugar de escoita.- Corme.

Fonte.- Vocabulario cormelán.

Outros apuntamentos.- Asociación Veciñal de Corme.

carro tarabelo.- Especie de triciclo feito completamente de madeira, cuxo asento, rodas e eixo fan que asemelle a un carro do país. No extremo anterior, máis estreito, presenta un orificio onde pasa un eixo que embaixo leva unha roda e enriba o/a guiador/a.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

escarramexar.- (Ademais doutros significados xa rexistrados) Xirar [a buxaina] durante moito tempo.

Exemplo.- “A túa buxaina escarramexa de máis, vancha fender, ponlle un punteiro máis longo.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Francisco Rodríguez Veiga.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

galopada.- (Ademais de significados xa rexistrados) Variante do xogo das lombas. Xogo similar ao salto do poldro, pero facendo este por riba dun compañeiro.

Lugar de escoita.- Lavadores (Vigo).

Fonte.- Eugenia Davila / C. D. Atalaia de Vigo.

Outros apuntamentos.- A fonte tamén denomina este xogo "saltapaloma".

lavis.- Xogo do escondite.

Lugar de escoita.- Corme.

Fonte.- Vocabulario cormelán.

Outros apuntamentos.- Asociación Veciñal de Corme.

comentarios