Palabras con memoria: variando

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Aoita usarse 'estaribel' para referirse a unha dificultade, problema ou algo que supón unha molestia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Aoita usarse 'estaribel' para referirse a unha dificultade, problema ou algo que supón unha molestia (Foto: Nós Diario).

atramiñar.- Aguantar, aturar.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

estaribel/estarivel (1).- (Ademais de significados xa rexistrados) Dificultade, problema, algo que supón unha molestia.

Exemplo.- “Non me veñas agora con ese estarivel, que abondo teño xa.”

Lugar de escoita.- Outeiro de Rei, Lugo e A Mariña.

Fonte.- Eva María Teijeiro Suárez.

Outros apuntamentos.- Indica a informante que foi escoitada na contorna do concello de Outeiro de Rei, en varias parroquias e en Lugo, a persoas nadas nesa área. Tamén a unha persoa da Mariña, que exerceu de mestra en distintas localizacións nesta provincia (non ten claro se é un termo da súa zona ou oíu nalgún dos destinos que tivo).

paruar.- Estar, haber.

Exemplo.- "Cantas cotas parúan na ciba?"

Lugar de escoita.- Bisbarra de Bergantiños.

Fonte.- Alberte Suras.

piola.- (Á marxe de significados coñecidos. En sentido figurado) Cadea, choupela, cárcere.

Exemplo.- "E logo Lence vai ir para a piola?"

Lugar de escoita.- Castro de Ribeiras de Lea (Terra Chá).

Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.

raite (ir dar un).- Ir dar unha volta.

Exemplo.- “Vou dar un raite polo monte.”

Lugar de escoita.- Escudeiros- Ramirás (Ourense).

Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.

Comentarios