Palabras con memoria: traballos e leceres

estudio pintura pinceis 
(Foto: Óscar J.Barroso / Europa Press)
photo_camera Foto: Óscar J. Barroso / Europa Press.

chafarrico.- Atracción de festa.

Lugar de escoita.- Zona de Redondela (entre Vigo e Pontevedra).
Fonte.- Xoán Alonso.

dar punto.- Coller os rapaces as vacacións na escola.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

maroutelas.- Traballos, responsabilidades, inquedanzas.

Exemplo.- "Eu agora teño tempo de pasear porque xa remataron as miñas maroutelas".

Lugar de escoita.- Bembibre, Val do Dubra.

Fonte.- Hortensia Vázquez.

norear.- Acción de pasar o tempo de traballo sen facer nada.

Exemplo.- "Josiño, ponte a traballar e déixate de norear, anda!"
Lugar de escoita.- Carbeiral- Bardaos (San Sadurniño).

Fonte.- Avelino Sanjurjo Beceiro.

Outros apuntamentos.- Outro informante, Xosé Manuel Fernández, informa que ten escoitado este verbo pola zona de Lugo e Vilalba co significado de andar dando voltas sen rumbo ningún. Perder o tempo dando voltas sen fin ou meta ningunha.

pentellada.- Traballo lento e laborioso sen apenas beneficio.

Exemplo.- "Levoume toda a tarde facer esta pentellada".

Lugar de escoita.- Nigrán (Pontevedra).

Fonte.- Albino Soto Figueroa.

ter laia.- Ter interese, preocupación por algo, ansia.

Exemplo.- "Non acabaches de facer o traballo, tes boa laia".

Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.

Fonte.- Olaia Rocha Fraga.

Comentarios