Palabras con memoria: a terra e a súa linguaxe

Bamban_do_Solpor_3_
photo_camera (Foto: Turismo Ribeira Sacra)

dindona.- Randeeira, lindeiro.

Exemplo.- “Os nenos pelexan por se dindonaren na dindona que está pendurada da viga do pallote.”

Lugar de escoita.- Bembibre (Val do Dubra).

Fonte.- Hortensia Vázquez Fraga.

escurripelo.- Rampla para acceder a un lugar máis elevado.

Lugar de escoita.- Rois.

Fonte.- Constantino Prego.

fornaza.- Lugar onde quedaron restos de fundacións mineiras.

Lugar de escoita.- A Fonsagrada.

Fonte.- Anxo Toimil Santín.

Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

portaleira.- Espazo polo que se accede a unha finca rústica que está pechada por un valo de pedra, arame, sebe, etc. Normalmente esta abertura atópase protexida por un cancelo, un pau ou ben un conxunto de pedras que se sacan e se volven a poñer despois.

Exemplo.- “Vai abrindo a portaleira que temos que meter o carro.”

Lugar de escoita.- Barantes (Sober).

Fonte.- Ramón Sandoval.

sumio.- (Ademais de significados xa rexistrados) Buraco grande que se forma no terreo calcario a causa do paso dunha corrente de auga por baixo del.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

tumbarón.- Desnivel abrupto e fondo dun terreo. Cavorco, barranca.

Exemplo.- “Ten coidado que alí, no fondo do lameiro, hai un tumbarón.”

Lugar de escoita.- Barantes (Sober).

Fonte.- Ramón Sandoval.

Comentarios