Palabras con memoria: Relacionándose en sociedade

(Foto: AC Afonso Eanes)
photo_camera (Foto: AC Afonso Eanes)

amenso.- Aviso verbal que se lle dá a unha persoa para que o transmita a outra.

Exemplo.- “Xa che teño dito que non me deixes máis amensos pola xente de fóra.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Francisca Abalde Omil.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

caramiñada.- Ir coller cornetas, caramuxos, etc.

Lugar de escoita.- Boiro.

Fonte.- Alumnado do CEIP Praia Xardín (recompilado polo EDLG do Centro).

Outros apuntamentos.- Comenta a informante que medraba nun noiro ou herbal onde pola parte de arriba había un pequeno carreiriño (chamado “seguedo”) polo que corría un cativo regueiro do que saía auga cara ó noiro.

conrobla.- Festa que se celebraba cando se remataba unha actividade agrícola ou doutro tipo (a construción dunha casa, etc).

Lugar de escoita.- San Breixo de Lamas (A Estrada).

Fonte.- Beatriz Mato Marque.

Outros apuntamentos.- Co mesmo significado aparece nalgúns dicionarios a palabra conrobra.

guarnir (1).- (Ademais doutros significados) Organizar algún evento.

Exemplo.- “Temos que guarnir unha cea de vellos compañeiros da escola.”

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira López.

impoñer.- (Ademais de significados xa rexistrados) Acompañar a alguén nun tramo de camiño para que non se perda.

Lugar de escoita.- Pacios da Serra (Quiroga).

Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.

ir a pola vila.- Locución que equivale a facer unha visita a un/ha familiar ou veciño/a na aldea.

Lugar de escoita.- A Fonsagrada.

Fonte.- Anxo Toimil Santín.

Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

Comentarios