Palabras con memoria: problemas sempre hai

Xente gozando das terrazas en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Xente gozando das terrazas en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

cachurra.- Sensación de peso ou de malestar na cabeza por efecto de catarro, gripe, etc.

Exemplo.- “Ando con cachurra, penso que estou chocando algo.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Serafín Parcero.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

escotelada.- Golpe no pé descalzo contra algo duro que hai no chan.

Lugar de escoita.- Corme.

Fonte.- Vocabulario cormelán.

Outros apuntamentos.- Asociación Veciñal de Corme. Esta palabra foi deixando de usarse a medida que os pés foron calzándose.

galoxo.- Bocio. Inflamación das tiroides pola falta de iodo.

Exemplo.- “O meu tío ten galoxo.”

Lugar de escoita.- Recollido do relato de Ánxel Fole, "Terra do Courel", Á lus do Candil.

Fonte.- Sara Criado.

penquear.- Ter un pequeno defecto físico ou psíquico.

Exemplo.- "Manolo penquea dun oído.”

Lugar de escoita.- Castrelo (Forcarei).

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

transpintar.- Efecto de anubramento dos ollos ou de dobre visión ao fixar a vista sobre un obxecto, cousa que pode chegar a producir na persoa sensación de mareo.

Lugar de escoita.- Ferrolterra.

Fonte.- Henrique Dacosta.

valdropío.- Especie de mal que lle da ás persoas cuxo proceso dixestivo é instantánteo, e que en canto comen xa teñen que ir evacuar. Pode asimilarse coa bulimia.

Exemplo.- “Este rapaz parece que ten o valdropío!”

Lugar de escoita.- Catoira.

Fonte.- Elsa Ramos.

Outros apuntamentos.- Desde a APAMP (Vigo).

Comentarios