Palabras con memoria: mellor ou peor

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Amplexus de sapa e sapo, a infección nas mans producida polo seu veleno chámase bulbeiro. (Foto: Proxecto Ríos Adega).
photo_camera Amplexus de sapa e sapo, a infección nas mans producida polo seu veleno chámase bulbeiro (Foto: Proxecto Ríos / Adega).

abouscar.- Causar pesar, deixar aparvado/a.

Lugar de escoita.- Friol e arredores (Lugo).

Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.

bucio/a.- Aplícase á persoa cuxa face adquire unha cor vermella cando respira mal ou ten dificultades para engulir algo.

Exemplo.- “O raparigo atragoouse coa carabuña e púxose bucio.”

Lugar de escoita.- Sandiás (A Limia).

Fonte.- Francisca Manso Fernández.

bulbeiro.- Infección producida nas mans atribuída ao veleno de sapo.

Exemplo.- “Bulbeiro de sapo.”

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

correa no lume, baixar como a.- Dise cando a saúde dunha persoa baixa día a día dun xeito notable ou de maneira brusca.

Lugar de escoita.- Sarria.

Fonte.- María Xosé López Castro.

menxorrada.- Manxurrada, medicina caseira, líquida e feita de varias mesturas.

Lugar de escoita.- Guntín (Lugo).

Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.

padameque.- Frouxo/a, endébel ou enfermo/a.

Exemplo.- “A súa muller leva toda a semana feita un padameque.”

Lugar de escoita.- Escudeiros - Ramirás (Ourense).

Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.

Comentarios