sábado 11.07.2020

Palabras con memoria: linguaxe animal e animada

Cabalos na Rapa das Bestas (Arxina)
Cabalos na Rapa das Bestas (Arxina)

gaitear.- (Ademais de significados xa rexistrados) Ouvear o raposo.

Exemplo.- "Cando gaitea nom é sinal de boa cousa."

Lugar de escoita.- Vicinte (Outeiro de Rei).

Fonte.- Ramiro Barros Justo.

groucho.- (Ademais doutros significados rexistrados) Trago, grolo dun animal, sobre todo referido ao gando vacún.

Lugar de escoita.- Maside.

Fonte.- Cesáreo Sánchez Iglesias.

leixó.- Trampa artesanal para cazar ratos.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

lontrudo.- Dise do animal que está ben mantido e ten bo pelo.

Exemplo.- "O can non che pasa fame, que se ve moi lontrudo."

Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).

Fonte.- Mario Ferreira.

pes (ou pez).- Pegamento artesanal feito con fariña triga que botado en palliñas servía para cazar paxaros.

Lugar de escoita.- Sur de Galiza.

Fonte.- C. D. Atalaia de Vigo.

Outros apuntamentos.- Foi recibida así, pero talvez sexa pez, se no lugar de escoita se usa o seseo.

restillar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Manter, ter o gando cheo.

Exemplo.- "Veu do prado coas vacas restilladas."

Lugar de escoita.- A aldea de Son (Navia de Suarna).

Fonte.- ENDL de Navia de Suarna (Raquel).

tomar a cebada.- Acción do cabalo ao dar a volta.

Lugar de escoita.- Viveiro.

Fonte.- Natalia Rey Pico.

Outros apuntamentos.- Centro de Día de Abadín.

comentarios