Palabras con memoria: lingua relixiosa

Igrexa do Monasterio de San Estevo. (Foto: Turismo da Ribeira Sacra)
photo_camera Igrexa do Monasterio de San Estevo. (Foto: Turismo da Ribeira Sacra)

caicoa.- Igrexa

Lugar de escoita.- Bisbarra de Bergantiños.

Fonte.- Alberte Suras.

fogoneiro.- (Ademais do significado habitual) Cura.

Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).

Fonte.- Mario Ferreira.

Outros apuntamentos.- Esta palabra úsabana os mariñeiros, que tiñan prohibido nomear a algúns animais ou persoas a bordo (golpe, cura?) porque daban mala sorte na pesca, así que lles cambiaban os nomes. Logo comezaron a empregarse tamén nas vilas costeiras.

pagar os ovos.- Donativo que se dá ao cura pola Semana Santa.

Lugar de escoita.- Cerceda.

Fonte.- Jessica Pallas/CPI O Cruce de Cerceda.

preguntas.- Chámanse así as amoestacións, proclamas ou notificacións de casamento lidas na igrexa.

Exemplo.- “As preguntas andan tres domingos.”

Lugar de escoita.- Sta. María de Covelo (c. de Covelo), Oroso (c. A Caniza).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Outros apuntamentos.- A fonte remítese á obra de Manuel Rodríguez Troncoso Historia dunha aldea galega.

publicatas.- Amoestacións, proclamas, notificación de casamento lida na igrexa.

Exemplo.- “As publicatas botáronse na igrexa o domingo de entroido.”

Lugar de escoita.- Cobres (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Outros apuntamentos.- Apunta aínda a fonte o verbo derivado: correr as amoestacións = apublicarse.

zoino.- Crego, párroco, cura.

Exemplo.- “No funeral estiveron sete zoinas.”

Lugar de escoita.- Bergantiños e noutras zonas da Galiza rural.

Fonte.- Alberte Suras.

Outros apuntamentos.- É moi posíbel que derive da xiria dos canteiros.

Comentarios