Palabras con memoria: Golpes e enfermidades vaiche haber...

Centro de saúde do Sergas (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Centro de saúde do Sergas (Imaxe: Europa Press)

aitar.- Aplicado a un/ha neno/a, que non crece e se desenvolve de acordo co esperado para a súa idade.

Exemplo.- “Como a nena non lle aitaba, levouna a riscar a Vilacoba.”

Lugar de escoita.- Santa María de Taboexa (As Neves).

Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

balbeirón.- Golpe forte.

Lugar de escoita.- Gondaísque (Terra Cha).

Fonte.- Antonio Eimil.

loro (1).- (Á marxe doutros significados coñecidos) Golpe na cabeza ou nun obxecto.

Exemplo.- "Levei un loro no coche e teño que levalo ao taller."

Lugar de escoita.- O Barbanza.

Fonte.- Constantino Prego.

marreca.- Especie de corcova.

Exemplo.- “Séntateme ben que vas coller marreca!”

Lugar de escoita.- Budiño.

Fonte.- Deolinda Alonso.

Outros apuntamentos.- Desde a APAMP (Vigo).

pexega.- Tara ou eiva que deixa nunha persoa un accidente ou unha enfermidade.

Exemplo.- “A rotura do brazo deixoulle unha pexega, non pode peitearse pola caluga.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Marisa Fandiño.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

pisquirindo.- Mirrando, indo a menos, en declive. Escoitado referíndose a xente anciá.

Exemplo.- "Ultimamente o avó vai pisquirindo."

Lugar de escoita.- A Pena (Sarria).

Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.

Comentarios