Palabras con memoria: falando e comendo

Imaxe de arquivo dun cocido galego. (Foto: Nós Diario)

alteza.- (Ademais de significados xa rexistrados) Lugar onde se deposita a masa do pan para deixala fermentar.

Lugar de escoita.- Baiona.

Fonte.- Stella Misa.

Outros apuntamentos.- Alumna de 4º da ESO do noso centro (CPR Plurilingüe Ángel de la Guarda, Nigrán).

bocho.- Mazá asada.

Exemplo.- “A semana que vén é a festa do bocho de Coiro, mais eu prefiro a compota.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Amelia Pena e Teresa Otero Loaira..

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

cacho (o).- (Ademais de múltiples significados xa rexistrados) O cacho era a comida que facían nos fiandóns. Consistía en liscas de pan cocidas en leite con azucre pero sen que o pan chegara a desfacerse.

Lugar de escoita.- Ínsua (Vilalba).

Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.

cimbre.- (Ademais de significados xa rexistrados) Dise daquela comida que non ten sabor a nada, insípida.

Lugar de escoita.- Laza.

Fonte.- José Manuel Gerpe Vispo.

desavaporado/a.- Estado en que queda un produto alimenticio pasados uns días fóra do seu envoltorio.

Exemplo.- “As galletas quedaron desavaporadas despois de abrilas.”

Lugar de escoita.- O Porriño.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

escaponar.- (Á marxe doutros significados) Pronar, pelar.

Lugar de escoita.- A zona de Xanceda e Boimorto.

Fonte.- Baldomero Iglesias Dobarrio.

Comentarios