Palabras con memoria: falando coas crianzas

nena flores crianzas

anudún.- adx. e s. Dise agarimosamente do neno moi pequeno, pero que xa se manexa. Sinónimo de cativo.

Lugar de escoita.- Pontedeume e bisbarra.

Fonte.- Isidro Novo.

Outros apuntamentos.- É posible que derive de anano.

carroucho/a.- (Deixando á marxe outros significados) Palabra que se emprega para referirse agarimosamente aos nenos pequenos.

Exemplo.- “Vén, carroucha, que tes que tomar o leite.”

Lugar de escoita.- Prebello, concello de Navia de Suarna, bisbarra dos Ancares.

Fonte.- Balonga Prebello.

gandillada.- (Variante de gandallada?) Substantivo colectivo para referirse a un conxunto de nenos e/ou nenas con certo menosprezo.

Lugar de escoita.- Cuntis.

Fonte.- Marcos Seixo.

Outros apuntamentos.- A diferenza con gandallada é que esta palabra adoita referirse a colectivos adultos.

larapallo/a.- Crianza esperta, disposta, que quere falar coma un adulto, que se dá a grande.

Exemplo.- “Este meu netiño é un larapallo, con seis anos quere vender as galiñas para facer cartos.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Carme Diz Moledo.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

necariña.- Nena fermosa.

Lugar de escoita.- Cuntis.

Fonte.- Marcos Seixo.

zarrisco/a.- Apelativo cariñoso para dirixirse a un/ha neno/a.

Exemplo.- “Sae de aí, zarrisca!”

Lugar de escoita.- Lobios.

Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

Comentarios