Palabras con memoria: expresións da terra...

Paisaxe en Terra de Montes (Nós Diario)
photo_camera Paisaxe en Terra de Montes (Nós Diario)

candullo.- (Ademais doutros significados xa rexistrados) Pedra grande.

Lugar de escoita.- Vigo.

Fonte.- Xesús Franco.

Outros apuntamentos.- Indica o informante que usaban esa palabra nas leas contra os do barrio de Canadelo Alto.

fondaral.- Sitio baixo.

Lugar de escoita.- Valdeorras.

Fonte.- Ánxeles Ferrer.

irado.- (Ademais de significados xa rexistrados) Dise do terreo moi inclinado, case vertical.

Lugar de escoita.- O Courel

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

marcia.- Pedra que sinala os lindes dunha leira.

Lugar de escoita.- Xove (Mariña luguesa).

Fonte.- Marica Campo Domínguez.

moranguella.- Parte dun eido laborado para o que se botan as pedras que se retiran del, polo que adoita ter forma de montículo. Pode ser compartida por varias leiras contiguas.

Exemplo.- "Tódalas pedras que atopes, arrebólaas para a moranguella.”

Lugar de escoita.- Moa - Vilatuxe, Serra do Candán (sudoeste do concello de Lalín).

Fonte.- Daniel Blanco Moa.

Outros apuntamentos.- Tanto o "o" como o "e" pronúncianse pechados.

petada.- (Ademais de significados xa rexistrados) Camiño costento feito con pedras grandes.

Lugar de escoita.- O Courel

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Comentarios