Palabras con memoria: da terra

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
terra (Foto: Nós Diario)
photo_camera En lugares como a comarca do Morrazo chámase 'charruada' á xornada de labranza. (Foto: Nós Diario)

canouras (1).- (Ademais de significados xa rexistrados) Talo de certas plantas, en xeral oco.
Exemplo.- “As canouras do millo aínda tiñan a súa utilidade.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Xosé Carballo Brión e Xesús Ferro Ruibal.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

charruada (2).- (Ademais de significados xa rexistrados). Xornada de labranza.
Exemplo.- “Ei, que xa marcha o sol, acabouse a charruada por hoxe.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Manuel Aldao Portas.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

pialla(s).- (Ademais de significados xa rexistrados) Conxunto de pallas que se emprega para atar os feixes.
Exemplo.- “Foi ao palleiro para recoller o preciso para facer as piallas que necesitaba para atar o feixe de herba.”
Lugar de escoita.- Lamas (Friol).
Fonte.- Carmen Núñez Río, bisavoa do alumno Samuel Argerey Castiñeira, do IES Leiras Pulpeiro.

sofica.- (Algúns dicionarios recollen sofico co mesmo significado) Apoio, rodriga, estaca, poste.
Lugar de escoita.- Taboada e bisbarra.
Fonte.- Xosé Gómez Díaz (transmitida verbalmente).

tentamofo.- Parte do carro das vacas que se pon para que non toce no chan a cabezolla.
Lugar de escoita.- Carracedo (A Fonsagrada).
Fonte.- José Luís Fernández Fernández (pai de Rocío Fernández Cordero).
Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

Comentarios