Palabras con memoria: cousas do tempo

Un home camiña por unha estrada cuberta pola neve (Foto: Arxina)
photo_camera Un home camiña por unha estrada cuberta pola neve (Foto: Arxina)

candiós.- Os xeos que penduran dos tellados no inverno, carambos.

Lugar de escoita.- Zona de Sarria (Lugo).

Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.

cencellar.- (Ademais do significado xa rexistrado) Verbo que conxuga o fenómeno metereolóxico que se produce cando as pingas de néboa por efecto do frío da xeada caen ao chan en forma de minúsculas folerpiñas.

Lugar de escoita.- Ourense e bisbarra.

Fonte.- Xerardo Méndez.

Outros apuntamentos.- Nalgún dicionario aparece cencellada co significado de rosada, xeada (A. Otero), porén os que recollen o infinitivo do verbo só dan o seu significado literal: cicelar (Cuveiro e Porto).

farelo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Folerpa de neve.

Exemplo.- "Comezaron a caer farelos; se segue así, nunha hora estará todo branco".

Lugar de escoita.- Sto. Adrán de Cobres (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

follarca.- Folerpa.

Lugar de escoita.- Peitieiros - Gondomar.

Fonte.- Marta Dacosta.

mormazar.- Chover miudiño, peniscar.

Lugar de escoita.- O Condado.

Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

queixueira.- Néboa.

Lugar de escoita.- Pesqueiras (Salvaterra).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Comentarios