acirolarse.- (Ademais de significados xa rexistrados) Poñerse nervioso, reaccionar con torpeza diante dunha situación.
Exemplo.- "O tipo correu co balón, deixou a todos atrás, chegou diante do porteiro e... acirolouse todo e fallou un gol cantado"; "Andaba toda acirolada porque non atopaba o billete do avión".
Lugar de escoita.- Lugo e outras zonas do país.
Fonte.- Henrique Harguindey.
coca (estar na).- Estar á espreita ou ao axexo de algo.
Lugar de escoita.- Salceda de Caselas.
Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.
devasón.- Palabra que se emprega para definir un estado de ánimo.
Exemplo.- "Non teño ganas de nada, estou sen ningunha devasón."
Lugar de escoita.- Santa Cristina de Fecha (Santiago de Compostela).
Fonte.- Xermán García Cancela.
Outros apuntamentos.- Apunta a fonte a posibilidade de que a grafía correcta sexa devazón por ser a zona da que se fala empregadora de seseo.
empaiñado/a.- Falto/a de enerxía, decaído/a.
Exemplo.- “Desde que o deixou a moza anda empaiñado.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Roberto Rodríguez Piñeiro.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.
prevelicar.- Matinar cousas grandiosas e fóra de razón. Sinónimo de alucinar. Emprégase na maioría dos casos como participio verbal con función de adxectivo.
Exemplo.- "Ese mozo está prevelicado."
Lugar de escoita.- Moraña e bisbarra.
Fonte.- Xosé Monteagudo.
ver o cu á formiga.- Expresión usada cando alguén se está a rir sen motivo, sobre todo nenas/os.
Lugar de escoita.- Porqueira (Ourense).
Fonte.- Antón Méndez Gándara.