Palabras con memoria: comida e bebida nunca han faltar!

caldo
photo_camera caldo

cacha.- (Ademais de significados xa rexistrados) Pedra ou prancha de ferro para facer filloas.

Lugar de escoita.- Campo Lameiro (Pontevedra).

Fonte.- Marcos Seixo.

Outros apuntamentos.- Ás filloas elaboradas con este aparello chámaselles filloas da cacha.

caldo escamado ou caldo marchante.- Almorzo que se tomaba antigamente, ao haber escaseza de leite. Consistía en encher unha cunca con anacos de pan e botarlle por riba auga fervida e un anaco de graxa (que podía ser pingo ou graxa de fritir torresmos).

Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).

Fonte.- Mario Ferreira.

Outros apuntamentos.- Sobre o caldo pobre máis común, manda Andrés Lombardía esta copla que recolleu en San Miguel do Monte (Chantada): "Fabiñas, poucas,/verciñas, catro/e un pouquiño/de unto de rato."

cantar a misa.- (Ademais de significados xa rexistrados) Que xa non están en sazón, que xa non valen para comer.

Exemplo.- “Non collas eses choupíns (macrolepiota procera) que xa cantaron a misa.”

Lugar de escoita.- Barantes (Sober).

Fonte.- Ramón Sandoval.

charruada.- (Ademais de significados xa rexistrados). Merenda de labranza.

Exemplo.- “Veña, aproveitade o tempo, que hoxe, ao remate, temos unha boa charruada.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Manuel Aldao Portas.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

fraxuras.- Doce feito con pan, ovo e fariña. Chulas.

Lugar de escoita.- Pire (Cospeito).

Fonte.- Amandina, avoa de Daniel González Mouriz.

Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

masurrento/a.- Comida de consistencia branda por exceso de cocción.

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Isabel Paz.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

Comentarios