venres 21.02.2020

Palabras con memoria: quen non sabe de alguén que...?

Fotograma de "Dous parvos moi parvos"
Fotograma de "Dous parvos moi parvos"

almanaque.- (Ademais de significados obvios) Idiota, parvo, retrato (en acepción muxiá).

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

espundia.- (Ademais de significados xa rexistrados) Dise da persoa que é espelida, aleuta, moi lista.

Exemplo.- "De pequeno era como unha espundia."

Lugar de escoita.- Gundivós (Sober).

Fonte.- Gerardo de Gundivós (Sober), recollido por María Trigo.

Outros apuntamentos.- Enviado por Ramón Sandoval.

laúdo.- Aplícaselle ao home desaliñado, desleixado, sobre todo no que toca ao cabelo e a barba.

Exemplo.- "A ver se vas ao barbeiro, que así estás feito un laúdo".

Lugar de escoita.- Viveiro (A Mariña luguesa).

Fonte.- Isidro Novo.

Outros apuntamentos.- A fonte di que é posíbel que o adxectivo teña unha aplicación feminina, pero nunca a escoitou.

marrolas.- Persoa con aspecto deixado.

Exemplo.- "Andaba coma un marrolas, tíñalo que ver; daba pena".

Lugar de escoita.- O Pindo (Carnota).

Fonte.- Tamara Rodríguez Caamaño.

retrato.- (Ademais de significados evidentes) Idiota, parvo/a.

Exemplo.- "Ah, retrato, que ben estarías calado!"

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

trincatanzas.- (Pronunciada con seseo) Persoa aparvada.

Exemplo.- “O rapaz vai feito un mequello.”

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

troxo/a.- (Ademais de significados xa rexistrados) Parvo/a.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

comentarios