luns 25.05.2020
Carta europea das linguas

Un país sen competencias lingüísticas

O Consello de Europa volve censurar a política lingüística da Xunta. No seu último informe cuestiona a situación do galego no ensino, na saúde, na Administración da xustiza e do Estado.
Detalle da manifestación Queremos Galego en defensa da lingua o Día das Letras 2018 (GZ Contrainfo).
Detalle da manifestación Queremos Galego en defensa da lingua o Día das Letras 2018 (GZ Contrainfo).

A perda da transmisión lingüística interxeracional condena o galego. Advírteo o Consello de Europa. A transmisión de familias a crianzas non está garantida e, polo tanto, a proporción de alumnado cun nivel de competencia alto ou de uso diario do idioma diminuíu de xeito significativo".

Proba desta castigo son os estudos sociolingüísticos que amosan un decrecemento progresivo do número de falantes. A denuncia por parte de entidades que defenden o seu coñecemento, uso e normalización non é nova. De feito, levan anos reclamando que se corrixan as limitacións coas que se atopa o galego en eidos fundamentais como o ensino, a saúde ou a Administración.

As súas demandas collen forza no último informe presentado polo comité de expertas do Consello de Europa, encargado de avaliar o cumprimento da Carta europea das linguas. Un tratado internacional que busca avalar a normalidade das linguas rexionais e minorizadas e que o Estado español ratificou en 2001.

eugalegoSegundo o convenio, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido en ámbitos como a educación, a xustiza, a Administración, as relacións sociais e económicas, a ultura ou as relacións transfronteirizas.

Así, a Carta europea das linguas minorizadas protexe a lingua galega na Galiza, pero tamén vixía a súa preservación noutros territorios: no Principado de Asturias, onde é recoñecida como galego-asturiano, en Castela e León e, baixo o nome de 'fala', tamén en Estremadura.

No seu último escrito, a comunidade de expertas do Consello de Europa recoñece que a custodia do galego é mellor na Galiza é mellor que no resto dos territorios, onde detecta problemas severos para a implementación real dos mandados da Carta europea.

O impacto do "decreto contra o galego"

Porén, pon o foco na Galiza e no impacto do ‘decreto do plurilingüismo’ de 2010, que define as materias que deben ser impartidas en galego e que exclúe a posibilidade dunha educación plena nesta lingua “co castelán como idioma predominante”, explica a Sermos Galiza Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

manifa galego rapazada"O que recolle a Carta, e tamén recomenda o Consello de Europa, é un modelo de educación que garanta o coñecemento do galego. Para iso, o ensino ten que ser en galego. Mais o decreto actual non permite superar 50% das aulas nesta lingua. O castelán prevalece por riba do galego", unha limitación, di Maceira, que compromete o saber, o uso e a transmisión lingüística capaz de fornecernos de novos falantes.

Segundo o presidente da Mesa, "o decreto de 2010 foi un ataque contra o galego e contra a Carta europea das linguas. Galiza está en emerxencia lingüística e a Xunta ten a responsabilidade de solucionar esta situación" motivada polas súas propias políticas e tamén, advirte, pola pasividade do Estado español.

Na mesma liña exprésase Isabel Vaquero, técnica de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. "O texto do Consello de Europa é unha advertencia moi seria sobre a política lingüística do Partido Popular e sobre os seus efectos na poboación", asegura.

manifa multitude galegoVaquero salienta o desleixo do Goberno de Alberto Núñez Feixoo á hora de darlle cumprimento a un tratado internacional que parece non ter "carta de lexitimidade. Ninguén o cumpre e parece que non pasa nada".

Fronte ao desinterese do Executivo galego, defende que é o momento de retomar o plan de normalización lingüística anterior á chegada de Núñez Feixoo ao Goberno," un decreto de promoción do galego no ensino  que respondía ao que fora aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza, e que el mesmo se encargou de tirar abaixo coa escusa da introdución dun novo idioma, que, por certo, non ten ningún éxito", mantén.

É o momento de retomar o plan de normalización lingüística anterior á chegada de Núñez Feixoo ao Goberno.

Segundo explica a Sermos Galiza, o decreto de 2010 estragou o cumprimento dos obxectivos en materia lingüística no caso do alumnado que remata a ensinanza obrigatoria. "En xeral, acaba o ciclo sen competencias lingüísticas nin en galego nin en castelán", denuncia.

Neste sentido, o Consello de Europa manifesta unha "presenza insuficiente da lingua galega no ensino", especialmente en Infantil, onde hai dez anos, sinala Vaquero se realizou unha experiencia de inmersión que se demostrou eficaz.

"Competencias bilingües"

Queremos-Galego-2019 cartaz"O plan de normalización e promoción do galego no sistema educativo aprobado no ano 2007 permitiu abrir dúas liñas de infantil, unha delas integramente en galego". Daquela experiencia, hai resultados oficiais que recoñecen que o alumnado participante rematou ese período escolar inicial con "competencias bilingües", sen perder o dominio da súa lingua materna e cun bo coñecemento daquela que de entrada, non lle era propia. Agora, di, "as nenas galegofalantes perden a súa lingua ao entraren na escola e as castelanfalantes non a adquiren". 

E este dano, di, é o que trasladan os estudos sociolingüísticos actuais. "Se temos unha sociedade que perde o galego, que non o transmite na familia e a escola non é quen de suplir esa carencia, como van aprender o galego as crianzas?", pregunta Isabel Vaquero.

Se temos unha sociedade que perde o galego, que non o transmite, e a escola non é quen de suplir esa carencia, como van aprender o galego as crianzas?

O informe do Consello de Europa reforza esta visión pouco optimista do galego no ensino ao confirmar que, a día de hoxe, non existe a posibilidade de ofrecer un currículo en galego en ningún centro de Educación Infantil, Primaria, Secundaria ou Bacharelato. 

Co fin de reverter unha situación contraria aos intereses do galego e aos mandados da carta europea, pídelle ao Goberno da Xunta eliminar as limitacións ao ensino na lingua propia en todos os niveis, ademais de facer públicos os informes de avaliación do órgano de supervisión en Educación.

O galego fóra das aulas tamén fraquea

Favorecer o uso do galego en todas as etapas do ensino é unha das recomendacións máis urxentes do Consello de Europa. Pero canda a esta, sinala outras de necesario cumprimento para a supervivencia da lingua e dos dereitos lingüísticos dos seus falantes.

A Xunta debe corrixir as dificultades existentes para o uso do galego no Sergas.

A Mesa pola Normalización Lingüística incide en que a comunidade experta encargada de avaliar o cumprimento da Carta europea das linguas recorda que a Xunta debe corrixir as dificultades existentes para o uso do galego no Sergas. “Só o fanatismo e o odio ao galego explican que Feixoo e o Partido Popular non sintan a máis mínima vergoña perante o terceiro informe negativo que reciben”.

Segundo Marcos Maceira, “o seu deber é defender os intereses e as necesidade da Galiza, e a lingua é unha necesidade para calquera pobo”. Vivir en galego, recalca, “é un dereito humano” que ampara o tratado europeo.

O Estado español, tamén responsábel

manifa galego sempre en galizaAdemais, chama o Estado a atender as súas responsabilidades lingüísticas, a ofrecer prazas na Galiza que requiran o coñecemento do galego, a asegurar o seu uso nos procedementos xudiciais e a eliminar calquera impedimento para poderse dirixir a Administración tamén nesta lingua. “Agora mesmo non o é posíbel, e é gravísimo”.

O Consello de Europa apunta que o emprego da lingua na Administración non mellorou en absoluto "nin é suficiente para satisfacer as necesidades da poboación galegofalante". Neste sentido, urxe a modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o emprego do galego na xustiza sempre que o solicite unha das partes, ademais da promoción do uso do galego na Administración do Estado na Galiza e na prestación de servizos públicos.
 

comentarios