domingo 28/02/21
DEBATE NO PARLAMENTO

Críticas á Xunta por presentar un novo plan sobre o galego cando incumpre o existente

A Xunta presenta un plan para a lingua que non coñecen organizacións políticas nin entidades relacionadas co idioma. Diríxese só ao ámbito económico cando se reclaman actuacións no ensino. Incumpre o plan aprobado por unanimidade e confía no novo que só apoia o PP. 

Valentín García
Valentín García

Só o Partido Popular mostrou o seu apoio ao “Plan de dinamización da Lingua Galega no tecido Económico” que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, apresentou esta terza feira no Parlamento. Os distintos grupos da oposición debullaron o ronsel de razóns polas que cuestionan o novo documento presentado pola Xunta, a primeira delas, que ningún dos grupos tivese na man o texto antes de se iniciar o seu debate na comisión. 

A deputada do BNG, Ana Pontón, reclamou mesmo a paralización da comisión para estudar un Plan que non chegara aínda ás mans dos grupos que tiñan que defender a súa posición na comparecencia de Valentín García. Lamentou que se “furtara o debate” aos grupos parlamentarios que descoñecían a tal altura o contido do plan que a Xunta remitiu tres días antes a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, segundo sinalou o propio secretario xeral que defendeu, malia iso, o carácter “participativo” da proposta. A presidenta da Mesa, María Soledad Piñeiro, considerou que o texto do Plan era “complementario” polo que desestimou a paralización da sesión. 

Ana Pontón critica que o goberno galego estea a manter "o decreto da vergoña" cando o galego desce de maneira alarmante entre as xeracións máis mozas

O Plan encamiñado ao ámbito económico non chegou aos grupos parlamentares mais tampouco ás organizacións que traballan na defensa da lingua. Desta maneira, desde a Mesa pola Normalización, critican que, malia se dirixiren en repetidas ocasións ao secretario xeral de Política Lingüística para coñeceren o contido do Plan non tiveran resposta algunha até o momento. “Descoñecemos o texto do Plan, mais non imos pasar por menos do que está acordado por unanimidade en 2004 no Plan de Normalización Lingüística que se está a incumprir. Sería dar un paso atrás no proceso de normalización que non podemos aceptar. O que o goberno ten que facer é aplicar o acordado e deixarse de propaganda”, sinalou Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. 

Valentín García: "Unha lingua entra en perigo cando baixa de 100.000 falantes, que o galego ten en Vigo e a súa area"

Á MNL referiuse tamén a deputada do grupo mixto, Carme Iglesias, ao lembras a iniciativa Abertos ao Galego dirixida ao mundo do comercio e a industria, ámbitos ao que se destina o plan presentado por un Valentín García que insistiu en que as medidas recollidas están indicadas xa no Plan de Normalización. Entre elas, citou o reforzo nos medios de comunicación, apoio á creación de redes de empresas polo galego,  posta en valor da importancia da lingua no sector ou promoción do galego na etiquetaxe. 

14 preguntas sen resposta

“O que ten que facer o  goberno é derorgar o decreto do plurilingüísmo e logo falaremos do ámbito socioeconómico”, sentenciou Carme Iglesias que defendeu que é no ensino onde se xoga o futuro da lingua. Para Ana Pontón, o plan presentado por Valentín García, “que ninguén coñece nin vai contar con orzamento” é “máis propaganda para tentar tapar o desastre que se está a producir no mundo da lingua”. Referiuse tamén a deputada nacionalista a que o goberno está a manter “o decreto da vergoña” cando o galego descende de forma alarmante na mocidade e entregoulle ao secretario xeral de Política Língüística 14 preguntas das que a Xunta non está a dar resposta e que se encamiñan á situación do galego en ámbitos como a xustiza, o ensino ou os medios de comunicación. Tamén Xesús Ron, de AGE, sinalou que en materia de normalización “é moito o que hai que facer, mais xa estaba expresado no Plan de Normalización Lingüística”.  De “fuxida cara ningures” cualificou Ricardo Docasar a política lingüística da Xunta que está a facer do galego, segundo dixo, “un parque temático”. 

Non está en perigo 

Valentín García defendeuse das acusacións, en especial da de ter ocultado o texto aos grupos políticos, afirmando que o plan aínda vai dar moitas voltas e regresará ao Parlamento. “A intención era explicalo antes de que vostedes o examinen”, díxolle ás voceiras e voceiros dos grupos na sesión na que comparecía en comisión. Rexeitou que se lle apoña a falta de uso do galego entre os 5 e os 14 anos ao decreto de plurilingüísmo e mostrouse avalado pola sentenza do Tribunal Supremo sobre o recurso presentado pola Academia. Negou ademais Valentín García que o galego estea en perigo de desaparición.“Unha lingua entra en perigo cando baixa de 100.000 falantes, que o galego ten en Vigo e a súa area”, comentou. 

comentarios