A ONU recolle vulneracións dos dereitos lingüísticos após xuntanza coa Mesa

“As minorías lingüísticas teñen dereito a usar o seu idioma nas súas interaccións coas autoridades e institucións estatais, sempre e cando sexa razoábel e xustificado, segundo a proporción da poboación que o fale localmente, pero isto segue sen se cumprir nalgunhas rexións”. Esta é unha das consideración do informe preliminar do relator especial para as minorías da ONU Fernand de Varenne, que a pasada semana estivo en Galiza.
 

a mesa onu
photo_camera O relator da ONU Fernand de Varennes (segundo pola dereita) con membros da Mesa pola Normalización Lingüística en Compostela. Foto: A Mesa.

De Varennes reuniuse coa Mesa pola Normalización Lingüística en Compostela. Membros da asociación amosáronlle evidencias das vulneracións dos dereitos lingüísticos da poboación galega en campos como a educación, a xustiza, a Administración ou o consumo, “promovidos ou consentidos pola Xunta e o Estado”. A Mesa manterá o contacto co relator, adscrito ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, e informarao puntualmente da situación en Galiza.

Fernand de Varennes, no seu documento preliminar accesíbel na web da ONU, lembra explicitamente que “disposicións como o Artigo 231 da Lei Orgánica do Poder Xudicial son un obstáculo importante para o cumprimento por parte de España das súas obrigas internacionais en realición ao uso cooficial das linguas minoritarias, xa que estipula que nos procedementos xudiciais, os xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios e outros funcionarios utilizarán a lingua castelá e que as linguas minoritarias cooficiais só se permitirán se ningunha das partes se opón. Isto, na práctica, levou a que en moitos, se non na maioría dos casos, as autoridades xudiciais penais, civís e administrativas non permitan os procedementos en comunidades autónomas na lingua minoritaria cooficial, mesmo se o solicita unha parte”.

“Este obstáculo xeral para o uso dun idioma cooficial minoritario", afirma De Varennes no seu informe preliminar, "xera preocupacións en canto ao cumprimento das obrigas internacionais de dereitos humanos que se detallarán no informe final”.

A Mesa pola Normalización Lingüistica afirma que a vista de De Varennes “é a primeira dun representante da ONU para avaliar a situación dos dereitos lingüísticos da cidadanía”. O seu presidente, Marco Maceira, interpreta esta circunstancia como “un éxito da mobilización social a prol do galego”. E engade: “É máis doado falar da situación do galego cun representante da ONU que co presidente da Xunta, un déficit democrático que debe ser corrixido”.

Na xuntanza mantida a pasada semana, membros da Mesa explicaron ao relator da ONU que o Estado español e a Xunta “deben garantir o principio de que os dereitos lingüísticos son dereitos humanos”. Ademais, entregáronlle un informe en que salientan “a indefensión da poboación galega ante discriminacións lingüísticas”.

Comentarios