Óculos, de Caldas de Reis, gaña o concurso do Manifesto de Correlingua

O alumnado de 4º da ESO do CPI Afonso VII de Caldas de Reis, baixo o alcume Óculos, conseguiu a mellor valoración do xurado para o seu manifesto. Nel, este grupo de rapazas e rapaces "quere representar a vergoñenta situación do galego en Galiza". Con esta declaración de intencións comeza un texto cargado de reflexións e ideas sobre o presente e futuro da nosa lingua.

correlingua
photo_camera Correlingua

As rapazas e rapaces creadoras deste manifesto desfrutarán no mes de abril dunha estadía de dous días en Pontedeume, no albergue de Alvarella e con diversas actividades para premiar o seu traballo na elaboración deste manifesto que reproducimos a continuación:

En galego, sen cancelas

Este pequeno manifesto quere representar a vergoñenta situación do galego en Galiza. Quere falar de como en pleno século XXI hai poucas normas e poucas accións das institucións en favor do noso idioma. Quere dicir que adolescentes coma nós temos que escribir un manifesto para facer reflexionar á xente.

Porque Galiza é a nosa Terra, Terra que as nosas familias loitaron por defender. Agora temos que defendela nós e defender tamén a Historia que hai detrás. Unha Historia que comeza cunha lingua. Moitas persoas non recapacitan sobre o orgullo que deberiamos ter xa só por iso.

As Administracións teñen responsabilidade polo que lle está a acontecer ao galego, porque non fan canto está na súa man. Como pode ser que no ano 2017 non poidamos ver nin un só filme de estrea dobrado ao noso idioma? Como pode ser que no ano 2017 estea prohibido que os alumnos e as alumnas poidamos recibir Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en galego? Como pode ser que no ano 2017 non haxa nin unha soa autoescola que nos ensine o manual de conducir en galego? Como pode ser que no ano 2017 haxa carreiras universitarias en Galiza nas cales non se chega nin ao 3% do ensino no idioma propio? Como pode ser que no ano 2017 non haxa nin un 0,1% de música en galego en calquera das radios que ouvimos a xente nova?

Si, en todas estas e en moitas outras cousas as Administracións teñen responsabilidade. Porque non velan polos nosos dereitos, porque non nos deixan escoller o noso idioma, porque non evitan que os prexuízos máis
resesos continúen con forza.

Mais, ollo, tamén queremos dicir que as persoas que consentimos isto temos unha parte da responsabilidade. Porque, se callar, non facemos todo canto está na nosa man. Un refrán di “Camiño longo, paso curto”. Esa é a idea. Temos de ir mudando mentalidades e abrindo campos para a nosa lingua. Entre nós hai mozas e mozos que falan xa en galego e que ás veces nos encontramos con dificultades para o continuarmos a usar. CABEZA ALTA! ORGULLO!

Entre nós hai tamén mozas e mozos que aínda non o falamos habitualmente, mais sabemos que o galego non debería ter limitacións. ANIMÉMONOS A FALALO MÁIS! É A MELLOR DEFENSA QUE SE PODE FACER!

Conseguiremos o que queremos. Hai xente que o leva tentando moito tempo a través de movementos sociais, mais necesitan apoio, necesitan do noso apoio. Por iso facemos este manifesto do Correlingua, que é máis que unha carreira.

En galego, sen cancelas!
 

Comentarios