O Valedor do Pobo tomará ''medidas'' para que as institucións públicas falen galego

Nunha xuntanza coa Mesa, Carlos Callón reclamou que se respecte o recoñecemento estatutario desta lingua e se empregue tanto nos formularios coma na sinalización e nas campañas publicitarias


O Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández, comprometeuse esta terza feira a "estudar as vías de acción" que ten ao seu dispor até conquerir que o Concello da Coruña empregue o galego como lingua oficial. Fíxoo durante unha xuntanza mantida co presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, quen lle lembrou que o goberno municipal da cidade herculina é "o único da Galiza" que non emprega o idioma propio "nin en formularios, nin en sinalizacións nin en campañas publicitarias". 

Especialmente rechamante neste sentido foi a campaña emprendida co gallo dos feriados de decembro de 2012: nas paradas do autobús urbano apareceu unha publicidade co texto 'Yo soy de merlucita del pincho, yo de capón de Villalba' onde, alén do español, o Concello empregou formas toponímicas deturpadas. Accións coma esta e outras que a Mesa ten denunciando en relación a esta institución pública veñen demostrar, a xuízo de Callón, "a negación pola vía dos feitos do recoñecemento estatutario do galego como idioma propio e oficial". 

Aliás, a recente polémica coa sinalización das portaxes da AP-9 foi colocada riba da mesa tamén neste encontro. A respeito desta cuestión, dixo o Valedor que tomará "medidas" para que o galego non fique excluído "de ningunha sinalización pública", facendo extensíbel así o seu compromiso tamén aos edificios públicos onde a nosa lingua non se emprega: as delegacións da Axencia tributaria, as escuadras (comisarías) da policía española, os cuarteis da garda civil ou os hospitais públicos que dependen do Sergas, onde unicamente a sinalización fixa está en galego.

Comentarios