sábado 25.01.2020
DISCRIMINACIÓN

O PP vota contra a proposición de Lobeira de incorporar o galego ás cerimonias da morte

A dereita non apoia unha proposición non de lei presentada no Parlamento galego polo BNG para incorporar a lingua propia do país aos ritos relacionados cos falecementos

O BNG presentou esta sexta feira unha proposición non de lei sobre a incorporación do galego nos actos, cerimonias e funcións vinculadas á morte. Por boca do deputado Bieito Lobeira, as e os nacionalistas defenderon que o proceso da morte representa "o mellor exemplo" da situación conflitiva en Galiza en relación co seu idioma propio, pois se unha persoa galegofalante finar, o seu certificado de defunción está escrito en español, a esquela e as necrolóxicas tamén, e o rito relixioso e a lápida tamén.

Durante o Goberno bipartito, a Secretaría Xeral de Política Lingüística  programou un concurso de epitafios en lingua galega enmarcado na campaña En galego tes todo por dicir, para promover a lingua entre a mocidade e as novas tecnoloxías. Máis de 500 persoas fixeron as súas achegas a través da páxina web habilitada daquela para tal efecto, e nelas primaba o humor, a orixinalidade e unha peculiar visión da morte presente na tradición galega.

A idea de garantir unha morte 'en galego' volta a estar sobre a mesa. A respecto do acontecido no Parlamento, Lobeira sostén que "a diglosia política" que amosou o PP ao votar en contra da súa proposición "é análoga ao conflito lingüístico", e engadiu que "unha cousa é o idioma oral e outra moi diferente o oficial ou o do mundo dos ritos".

Na mesma comisión, o parlamentario nacionalista denunciou a imposibilidade de garantir un casamento en galego nun xulgado de Vigo, sendo necesaria a asistencia dun ou dunha intérprete. "Non é a primeira vez que a maxistrada se nega a usar a nosa lingua; é un despropósito, e unha evidencia da discriminación contra o idioma propio".

comentarios