O ILG celebra os trinta anos de estandarización da lingua galega

Un simposio reunirá en Compostela moit@s d@s protagonistas que participaron, desde 1982, na estandarización do idioma desde a publicación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG).

"Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012" é o nome do simposio que reunirá en Compostela, do 11 ao 20 de decembro, protagonistas da xeira normalizadora desde a publicación das NOMIG. Estas normas elaboráronse baseándose no traballo dunha comisión mixta do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela (daquela, a única universidade galega) e a Real Academia Galega, e aprobadas en sesión conxunta de ambas as dúas institucións. O Simposio ofrece, segundo a organización, ter "unha ocasión para revisar o camiño percorrido, reconsiderar algunhas cuestións, tirar ensinamentos e facer un balance cara ao futuro".

Segundo a organización será "unha ocasión para revisar o camiño percorrido, reconsiderar algunhas cuestións, tirar ensinamentos e facer un balance cara ao futuro"

Conferencias e debates

Na programación deste simposio hai previstas unha serie de palestras e debates en horario de tarde. Entre as palestras figuran a de Antón Santamarina (ILG/USC - RAG) que falará sobre "As normas ortográficas e morfolóxicas do ’82 e o estándar galego actual", Manuel González (ILG/USC - RAG) que disertará sobre "As modificacións e reformas da norma do ’82. O VOLGa", Darío Xohán Cabana (escritor e tradutor, RAG), que tratará sobre "A lingua literaria, os dicionarios, a edición: corrección, adecuación e riqueza" e Xosé L. Regueira (ILG/USC - RAG), que explicará "A construción do estándar oral do galego".

Tres debates plasmarán varios puntos de vista sobre a cuestión. Xurxo Souto (cantante), Paulino Novo (TVG) e Mabel Rivera (actriz), coa moderación de Ana I. Boullón (USC), falarán de "Estándar e medios de comunicación: da corrección á naturalidade"; Bieito Iglesias (escritor), Antón Dobao (TVG), Gonzalo Navaza (UVigo) e Anxo Angueira (UVigo), coa moderación de Xosé A. Fernández Salgado (UVigo), sobre "Alén do estándar: diversidade estilística e creación"; e Xermán García Cancela (Xunta de Galiza), Luz Méndez (TVG), Carlos Díaz Abraira (Parlamento de Galiza), Xavier Guinovart (UVigo) e Susana Mayo Redondo (CDSG / Consello da Cultura Galega), coa moderación a cargo de Nel Vidal (SNL, Concello de Carballo), sobre "Servizos e recursos lingüísticos".

A actividade será na aula 22 da Facultade de Filoloxía (Campus Norte), da USC.

Comentarios