REDES SOCIAIS

O galego, única lingua do Estado excluída das traducións do Twitter

A rede social terá versión en vasco e en catalán. A Mesa arremete contra o "nulo apoio" da Xunta ao idioma propio e considera que esta nova "por si soa, debería supor a demisión ou o cesamento do secretario xeral de Política Lingüística"

A rede social Twitter anunciou que terá unha versión en vasco e en catalán na configuración persoal. De momento, non haberá tradución para o galego. Desde A Mesa pola Normalización Lingüística o seu presidente, Carlos Callón, considera "un símbolo moi negativo" da situación da nosa lingua, e lembra que todas as campañas para que esta rede teña opción de galego "partiron da base social, sen ningunha acción de apoio por parte da Xunta".

A nova da "exclusión" do galego no Twitter "por si soa debería supor a demisión ou cesamento do secretario xeral de Política Lingüísta", valorou Callón. A investigación realizada por Web Ecology Project sobre as linguas que se usan no Twitter que se deu a coñecer a finais do ano pasado demostra que, dos máis de 6.000 idiomas que existen no mundo, o galego ocupa o posto 36 --é a terceira lingua máis usada na rede social no Estado español-- "a pesar das moitas dificultades que se nos colocan no día a día para exercemos os nosos dereitos, a nosa lingua e cultura existen e teñen unha demanda social que non se corresponde co nulo apoio institucional que reciben".

Así, @s galeg@s usamos a nosa lingua nos chíos até colocala por diante do vasco. Porén, en Euskal Herria si terán a "xusta e merecida" opción de Twitter no seu milenario idioma, "tradución que se lle nega á lingua propia de Galiza". Mais, tomando no mesmo estudo os datos de 2009, o galego colocábase tamén por diante do catalán, e era a 21ª lingua máis usada a nivel internacional, converténdose na primeira lingua non oficial dun estado que aparece na listaxe.

En vistas do "nulo apoio" da Xunta a prol do idioma propio, A Mesa fai unha chamada a prol do envío de mensaxes individuais con peticións de tradución dos aplicativos desta rede para o galego. A nova da oferta de éuscaro e catalán nunha das arañeiras virtuais máis grandes a nivel internacional chega xustamente cando se cumpren dez días do primeiro aniversario do lanzamento da iniciativa Twitter en galego, impulsionada por un grupo de internautas para loitar pola normalización lingüística tamén neste espazo.

Comentarios