O fiscal superior da Galiza insta a Xunta a potenciar o uso da lingua propia no eido xudicial

Tras lembrar que a situación da lingua propia do País segue estancada após 15 anos, desde a redacción do Libro Branco da Xustiza, Carlos Varela instou o Goberno a elaborar unhas directrices que freen a ''inhibición lingüística'' por parte d@s profesionais da xustiza, que prefiren o español

"O principal problema do uso do galego na xustiza deriva da inhibición lingüística por parte dos profesionais, que renuncian a empregar esta opción comunicativa, como lingua de traballo ante os tribunais, ante o predominio do castelán".

É a mensaxe que o fiscal superior da Galiza, Carlos Varela, vén de lanzar á Xunta, nomeadamente ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, tan só uns días despois de coñecermos un novo caso de discriminación no eido xudicial polo uso da lingua propia do País. Unha xuíza de Vigo rexeitou unha demanda por estar redactada unicamente en galego, e requeriu unha tradución xurada do texto ao español.

Diante da situación, Varela, quen tomou parte na V asembleia da Ixuga --Irmandade Xurídica Galega--, avogou pola normalización do galego tamén diante dos tribunais e reclamou do Goberno que aborde a elaboración dun Plan Xeral "que marque as directrices de actuación no ámbito da Administración de Xustiza" en materia lingüística. Nesta liña, referiuse máis concretamente ao informe de 1997 do Libro Branco da Xustiza sobre o escaso uso das linguas cooficiais en favor do español para censurar que, após 15 anos, "a situación descrita pouco mellorou".

A Ixuga outorgou nesta fin de semana as súas medallas de ouro aos xuristas Antonio Pratas e Xosé Luís Franco Grande pola súa traxectoria durante un acto no que renderon homenaxe ao maxistrado Ramón Carballal, para alén de proceder ao xuramento de 42 irmandiñ@s de entrada na entidade, onde Carlos Varela é o irmandiño maior.

Comentarios