Pontevedra manterá a sinalización en galego: "a denuncia foi parte da ofensiva do PP e de Galicia Bilingüe"

Un cidadán recorreu unha multa porque non entendeu a lenda numérica dunha zona de carga e descarga ao estar só en galego. A sentenza, que viu a luz agora após "unha filtración do PP" á imprensa amiga, data de 2010 e non foi feita pública nin recorrida "porque non existe conflito social ningún"
photo_camera [Imaxe: Concello de Pontevedra]


O Concello de Pontevedra vén de manifestar a súa sorpresa após publicar a imprensa a información relativa a unha sentenza ditada polo xulgado do contencioso-administrativo nº3 en que obrigaba a colocar os sinais de tránsito tamén en castelán.

A resolución, que non é actual senón do ano 2010, chegou tras a denuncia dun cidadán que dixo non entender a prohibición específica derivada do sinal por estar esta escrita en galego.

Desde o Concello non emprenderon actuación ningunha, nin sequera presentaron recurso. "En Pontevedra os sinais están en galego desde 1999 e non hai conflito social ningún", explicou o concelleiro de Ordenación do territorio, César Mosquera, en declaracións a Sermos Galiza, reiterando que a persoa demandante é secretario nos xulgados, polo que manexa e emite documentos en galego.

A propia sentenza, "filtrada polo PP" nestes días a un xornal 'amigo', sinala que "resulta de difícil credibilidade para calquera castelánfalante medio que leve residindo na Galiza certo tempo a versión dos feitos na cal o recorrente apoiou as súas alegacións". Malia todo, deulle a razón.

O demandante non entendeu unha lenda numérica

"É unha medida descarada que non se comprende se non é desde un punto de vista ideolóxico", subliñou Mosquera, quen vincula o acontecido "coa ofensiva de Galicia Bilingüe" e as imposicións realizadas polo PP desde os gobernos da Xunta e do Estado orientadas "a españolizar calquera reduto que se manteña en galego". Insiste: "que o vistan como queiran, mais é un problema ideolóxico". Argumenta que, se ben é certo que a lexislación de tráfico estabelece que as indicacións deben figurar tamén en castelán, para alén da lingua oficial do País, "houbo quen presentou reclamacións porque estaban só en español e non lle deron a razón".

O concelleiro pontevedrés deixa claro que tampouco agora, cando a sentenza adquiriu "unha pouca relevancia pública", van mudar nin un til nos sinais da cidade do Lérez. "Os sinais son universais, agás pequenas lendas que se colocan e que todo o mundo pode entender por ser practicamente numéricas", sostén Mosquera. É xustamente este o caso que motivou a denuncia.

O condutor recorreu unha multa de 180 euros por estacionar nunha zona de carga e descarga. Alegou que, ao figuraren os horarios só en galego "a sinalización é incorrecta" e impediulle ter "un coñecemento exacto das condicións en que estaba restrinxido o estacionamento".

A Mesa: que se deixe de excluír o galego nas sinalizacións públicas

O voceiro da asociación en defensa da lingua, Carlos Callón, fixo fincapé esta cuarta feira en que os sinais públicos de competencia estatal "deberían estar tamén en galego" e aqueloutros de competencia local e nacional "deberían usalo con normalidade".

Callón repasou con exemplos a discriminación que a lingua propia sofre, sinalando como desde a Mesa se solicitou "en reiteradas ocasións" que as autoestradas "deixasen de excluír o galego e corrixisen a toponimia deturpada". Acrecenta que "despois de moitos anos" figuran en galego só unha parte da información das portaxes e a toponimia maior.

"Non coñecemos ningunha delegación da Axencia Tributaria en ningún punto de Galiza que non exclúa o galego no conxunto das súas sinalizacións" e nas dependencias do Sergas só figuran no idioma propio as indicacións fixas. Conclúe Callón o repaso pola exclusión do galego citando o Concello da Coruña onde até as placas cos nomes das rúas "deturpan topónimos oficiais como Noia ou Arteixo". 

Comentarios