Como dicilo?

O angazo

anzinho

O angazo ou anciño (coas súas variantes engazo e enciño) é un instrumento agrícola formado por un mango rematado nun dos extremos cun pau atravesado onde van uns dentes de madeira ou de ferro. Fundamentalmente está destinado a xuntar herba, follas e restos de vexetación.

O angazo dálle nome a un dos contos máis coñecidos da nosa literatura popular. Xa o narraba no século XVII o padre Sarmiento.

Un mozo dunha aldea galega emigrou a Castela e aos poucos meses regresou á súa terra. E nese breve tempo ocorrera algo asombroso: o rapaz esquecera a fala dos seus, a lingua que falara toda a vida. De volta na casa non facía senón preguntar:

-Mi padre: como se llama esto ?

O pai, molesto ante ese fillo desleigado e farto de tanta pregunta parva, cando o mozo preguntou de novo ao atopar no chan da eira tan "exótica" ferramenta, "Mi padre: y esto como se llama ?", respondeulle:

-Ponlle enriba o pé xa verás como cho di el mesmo.

O mozo pisou enriba dos dentes e o mango do pau ergueuse e bateu nos fociños do rapaz que recuperou coa mesma a memoria:

-Raio do angazo!

A moitos e moitas viríallles ben probar o método pedagóxico do angazo.

E xusto ía eu ese día pola rúa cando un home alteiro e corpulento berroulle a outro que pasaba a poucos metros turrando dunha motocicleta :

-Ai, carallo, seica xa non conoces o angazo!

Viña dicindo, cheo de retranca: "Ai ho, seica xa non coñeces aos da aldea coma ti?".

É ben non esquecermos nunca o angazo.

Comentarios