Número especial de 'Sermos Galiza' o 17 de maio

Distribuirase na manifestación de 'Queremos galego' en Compostela e en diferentes lugares do país.
rotativa

Após o lanzamento do xornal dixital, o noso obxectivo é sacarmos á rúa o semanario. Pensamos, e así o anunciamos no seu momento, que o 17 de maio era unha data de alto contido simbólico como para acoller o nacemento do Sermos Galiza en papel. Pois ben, ese día teremos nas mans unha mostra do que vai ser o noso semanario: un número especial de distribución gratuíta e 16 páxinas. Centrado na defensa da lingua e explicativo do que foi, é e será Sermos, este agasallo chegará a todas as persoas comprometidas coa defensa do noso idioma e co obxectivo da imprensa en galego.

O semanario definitivo sairá con 32 páxinas para atinxir ben logo as 40. Estamos xa traballando na preparación do número 1, que estará nos quioscos e no domicilio das persoas subscritoras nuns días. Precisamos para esa altura ter alcanzado un número importante de subscricións que garantan a adecuada difusión do semanario. Por iso, se aínda non preenchiches o formulario de subscrición, pedímosche para o faceres canto antes. Podes acceder a el desde esta ligazón.

Comentarios