Na súa serie de vídeos sobre o Día das Letras, con recomendarios literarias incluídas, non podía faltar unha achega o proprio 17M. Así, Carlos Callón suxírenos a leitura de dous interesentes volumes que recollen a obra de Manuel María, maioritariamente poética, sobre a situación da lingua galega.
O primeiro volume é A esencia máis nosa. Poemas sobre a lingua galega. Está editado pola Casa Museu Manuel María e a edición corre a cargo do profesor Freixeiro Mato. O segundo é O idioma é a vida, editado pola Mesa pola Normalización LIngüística, coa colaboración tamén da Casa Museu.
Alén disto, Callón relata no vídeo unha recente visita persoal a un xulgado en Compostela, enésima experiencia de discriminación pola súa condición de utente do galego, anécdota que o leva a concluír que a "a lingua galega funciona en xeral como se non fose oficial" e que, en troca, "en castellano no hay problema".
Manuel María escribiría sobre isto, conclúe Callón, que a seguir reflicte sobre o feito, ou máis ben o non feito, polos 23 deputadas e deputados galegos eleitos o 20D na recentemente abortada lexislatura. Entre todas e todos eles en 5 meses só apresentaron unha iniciativa sobre a lingua galega e, alén do máis, nela inquirían tamén sobre o catalán e o vasco. Sinal, reflicte o vídeo-blogueiro, do moito camiño a percorrer na procura da normalización.