Fin de semana de oposicións do Servizo galego de saúde (Sergas), probas que decorreron en Silleda e nas que había máis de 11.000 aspirantes. O exame podíase facer en galego e castelán, as dúas linguas co-oficiais en Galiza. Mais na folla de instrucións figuraba unha advertencia: “En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.” Unha afirmación que xerou sorpresa e malestar. Na mesma xornada dos exames, aspirantes e familiares que acudiron ás oposicións amosaban o seu abraio nas redes sociais cunha cláusula que implicaba relegar o galego fronte ao castelán.
Unha valoración que tamén partillan desde A Mesa pola Normalización Lingüística, que fala “dun auténtico compendio de prexuízos baseados no odio ao galego e no supremacismo lingüístico”. Consideran que, embora ofrecer formalmente as dúas opcións (galego e castelán), nas propias instrucións a recomendación é “quen queira aprobar debe facer a proba en castelán, pois só nesta lingua hai garantías de que as preguntas están correctamente elaboradas”.
O seu presidente, Marcos Maceira, lembrou como unha das primeiras medidas de Núñez Feixó ao chegar á Xunta foi eliminar a proba en galego para o acceso á función pública. “Agora dá un paso máis inutilizando a opción en galego, e animando directamente a non utilizalo”.
Valedora do Pobo
A Mesa trasladou a súa a queixa e petición de responsabilidades á Valedora do Pobo, á Consellaría de Sanidade e á dirección do Sergas, para alén de reclamar unha actuación inmediata da Secretaría Xeral de Política Lingüística e ao propio presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo.