'Nós', Palabra do Ano 2020

Acadou case 3 de cada 10 votos emitidos; seteiro rozou o 20%; gromo fíxose con pouco máis do 17%; pandemia chegou ao 15%; e máscara e vacina sumaron, cada unha delas, pouco máis do 10% dos votos.
Nós palabra do ano
photo_camera [Imaxe: RAG]

Nós foi proclamada Palabra do Ano 2020 polas persoas que participaron ata o pasado 25 de decembro na elección popular promovida polo Portal das Palabras, a páxina web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. A voz gañadora vén da man celebración do centenario da xeración Nós, "e olla cara ao futuro con optimismo porque nos lembra tamén que saírmos da crise global provocada polo SARS-CoV-2 depende da primeira persoa do plural máis absoluta, xusto nun momento en que cobra forza outra das palabras finalistas cuxo éxito dependerá da implicación de todas e todos nós: vacina".

Seteiro, en referencia ao grupo de estrelas denominado tamén arqueiro (Sagittarius na forma latina), foi a segunda palabra máis votada tras resultar unha das seis finalistas pouco despois de que o Seminario de Terminoloxía da Real Academia Galega aprobase a listaxe normalizada dos nomes galegos das constelacións.

Os outros catro termos finalistas teñen, de feito, que ver con esta realidade e quedaron nas seguintes posicións: gromo, na acepción que incorporou o dicionario da RAG neste 2020, a referida á aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, acadou o terceiro posto; pandemia foi a cuarta palabra máis votada; máscara, a protección que deu o salto dos quirófanos á rúa, ocupa o quinto posto; e vacina, a grande esperanza que fixo máis levadío este annus horribilis e que comezou a subministrarse onte mesmo en Galicia, fica no sexto.

Os votos estiveron, iso si, máis repartidos ca noutras ocasións. Nós acadou case 3 de cada 10 votos emitidos; seteiro rozou o 20%; gromo fíxose con pouco máis do 17%; pandemia chegou ao 15%; e máscara e vacina sumaron, cada unha delas, pouco máis do 10% dos votos.

A palabra gañadora é tamén a voz que designa a publicación aparecida en outubro de 1920, que lle daría igualmente nome ao grupo galeguista organizado arredor dela. En palabras do profesor Ricardo Carvalho Calero, os integrantes da xeración Nós europeizaron a cultura galega e déronlle á nosa prosa "un pulo nunca visto nos tempos modernos". O protagonista das Letras Galegas 2020 dedicoulles un capítulo enteiro aos seus principais membros na súa Historia da literatura galega, onde explica que a orixe desta denominación está no álbum Nós de Castelao, director artístico da revista.

E Nós é tamén a palabra que bautiza o diario en galego que botou a andar este 2020.

Comentarios