Elin Haf Gruffydd-Jones: "Non podemos depender do sistema educativo para socializar a xente nas linguas minorizadas"

Elin Haf Gruffydd-Jones (Bermudas, 1967) é profesora titular e directora do Centro de Estudios Avanzados Galeses e Célticos da Universidade de Gales. Desde finais de 2021 preside a Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN). Esta semana visitou Galiza, onde analizou xunto a colegas de toda Europa futuro das linguas minorizadas.
Elin Haf Gruffydd-Jones visitou a redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina).
photo_camera Elin Haf Gruffydd-Jones visitou a redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina).

—Debemos falar de linguas minoritarias ou minorizadas?
No caso galés, e no galego, deberíamos falar mellor de linguas minorizadas, porque a súa situación é resultado dun proceso dinámico. Cando falamos de linguas minoritarias pensamos nunha condición estábel, natural, mais até chegar aí dáse un proceso no que participan persoas, institucións. Polo tanto, é mellor abrir a mirada para recoñecer os actos sociais e políticos que conducen unha lingua a unha situación de minorización. Permítenos ser máis críticos e entender mellor a situación das linguas.
 
—Exprésase moi ben en galego. Cando comezou o seu interese pola nosa lingua?
Hai 30 anos xa, coa chegada a Gales de investigadoras novas procedentes da Galiza. Elisa Fernández Rei, agora profesora da USC, foi a primeira. Durante un ano, ademais de investigar en linguas minorizadas aprendeu galés e impartiu clases de galego, ás que me apuntei. A partir de aí comecei a vir a Galiza e mantiven o contacto tamén a través da ELEN. Non o domino, pero para min é importante tratar de falalo aquí.

—Recoñece algún paralelismo entre o galés e o galego?
O galés é unha lingua celta. Mantén unha enorme distancia l co inglés. Isto é diferente aquí. Pero en Gales, como na Galiza, temos problemas de migración do rural, onde hai unha porcentaxe máis alta de falantes de galés, a contornos urbanos, e

—E no ensino?
Un 24% da poboación escolar fai os seus estudos en galés. Iso significa que 75% non usa esta lingua para aprender outras materias: matemáticas, historia, economía. E cando non se utiliza unha lingua como medio de instrución, para aprender máis, para facer algo, saes da escola sen dominar esa lingua, sen opcións de falala de maneira seria en calquera contexto. Por iso estamos a estender a porcentaxe de escolares estudando en galés.

—Vostede suma máis de tres décadas de traballo no ámbito das linguas minorizadas, moi centrado nos medios de comunicación. Que papel xoga a prensa en linguas minorizadas de cara a súa normalización?
A educación é fundamental para a transmisión da lingua, para fomentar o seu uso social e desenvolver a identidade coa lingua, mais fica pendente a transmisión familiar e social fora da escola, que é tan importante. Neste sentido, os medios de comunicación deberían contribuír a esa transmisión, e non facela máis difícil. Se o contorno audiovisual e comunicativo está controlado pola lingua dominante vai ser moi difícil para as familias manter a lingua materna e convertela na primeira lingua de comunicación social. Se deixamos de lado esta transmisión xeracional, familiar e social, tamén estamos botando a perder a relación emocional coa lingua, que é unha das cousas máis importantes para levar ao futuro. Non podemos depender do sistema educativo para socializar a xente nas linguas minorizadas.

—A dixitalización achegou facilidades ou novos desafíos ás linguas minorizadas?
O sector tecnolóxico, o audiovisual e o conxunto dos medios de comunicación son esenciais para a saúde da lingua como símbolo do futuro e non do pasado. Por iso, cada vez máis cómpren ferramentas que facilitan a interlocución con aplicacións e intelixencias artificiais en linguas minorizadas. Pero tamén precisamos contidos visíbeis e accesíbeis, tamén a través de algoritmos que atendan ao galés e ao galego. Todo isto require apoio e financiamento.

—Que responsabilidade teñen aquí Gobernos e institucións públicas?
Se queremos unha sociedade onde haxa diversidade e igualdade lingüística, os Gobernos teñen que lexislar e facer cumprir a lei. O activismo é unha parte fundamental e moitas veces fai un servizo aos políticos, que case sempre chegan tarde. Pero é o Goberno quen ten que preguntarse que lingua galega quere, unha lingua para figurar en actos e pancartas ou unha que ademais de valor social dispoña de espazos de uso.

Comentarios