"Non hai dicionarios que traduzan directamente ao galego, temos que facer ponte polo castelán"

Moisés Barcia impulsa desde Rinoceronte a creación dun dicionario na rede
O dicionario pode atoparse no sitio web da editorial. Cedida
photo_camera O dicionario pode atoparse no sitio web da editorial. (Foto: Cedida)

Moisés Barcia, tradutor galego e creador da editorial Rinoceronte Editora, explica como naceu e en que consiste o dicionario castelán-galego, unha ferramenta presentada pola editorial no pasado mes de outubro. O dicionario non ten unha páxina específica senón que se atopa nunha das seccións da propia web de Rinoceronte. Este servizo, entre moitas outras cuestións, busca darlle nome a topónimos estranxeiros sen necesidade de traducilos ao galego dándolles un tratamento integral. 

Avante Pouca

Cando xurdiu a idea de facer un dicionario castelán-galego?
Hai xa varios anos que tiñamos un dicionario en papel que naceu a partir de notas e cuestións que sacabamos ao desenvolver o noso traballo, que é maioritariamente traducindo. Ao cabo de cinco ou seis anos de xuntar todo ese material, démoslle forma e saíu, en forma de libro, o que daquela se chamaba o “Superdicionario castelán-galego”. O que pasa é que, como a lingua está en constante evolución, as normativas tamén foron cambiando. Por este motivo, o noso dicionario tiña unha sección final a modo de caderno de notas para ir rexistrando correccións, melloras a levar a cabo etc. Co paso do tempo, esa parte final quedou chea de anotacións e de novas ideas, e á vez, tamén nos decatamos de que, actualmente, xa non ten moito sentido facer dicionarios nun soporte que non sexa o informático. Por todo isto decidimos desenvolver esta ferramenta online, porque nos permite ter respostas inmediatas, realizar unha busca optimizada, e tamén telo sempre actualizalo coa posibilidade de corrixir erros en calquera momento ou mesmo de ampliar entradas.

Avante Media 

En que consiste a ferramenta?
É un dicionario que vai desde a lingua castelá ao galego. Hai que ter en conta que o castelán é a lingua coa que se nos bombardea constantemente; entón, é normal que para moitas persoas sexa máis sinxelo lembrárense de palabras concretas nesta lingua que en galego. Por este motivo, o noso dicionario non só recolle formas léxicas, senón tamén fraseoloxía e topónimos. O que ocorre cos topónimos é moi interesante. A día de hoxe, as persoas temos un maior coñecemento lingüístico, estamos máis en contacto que nunca con culturas e topónimos estranxeiros. O que viamos en dicionarios como o da Real Academia Galega é que se segue unha tendencia cuestionábel que consiste en galeguizar todos eses topónimos. Nós pensamos que, actualmente, iso non ten ningún sentido. Entón, o que fixemos foi darlle un tratamento integral elaborando unhas consideracións aplicábeis a todos os topónimos. Nós recollemos a forma oficial, pois para iso hai unha normativa, pero, se nos parece conveniente, engadimos a nosa opinión ao respecto. Por exemplo, a RAG escribe Girona con X (Xirona), e iso parécenos absurdo. Tamén, para os topónimos de linguas que non se escriben co alfabeto latino, investigamos un pouquiño e xa vimos que había indicacións dadas polo organismo das Nacións Unidas explicando como se deben transcribir eses nomes, entón, partindo desa base, fixemos unha visión integrada dese tratamento. O noso dicionario nace nun ambiente de tradución, e para todas as linguas coas que traballamos non hai dicionarios que traduzan directamente ao galego, sempre temos que facer unha ponte polo castelán. Os tradutores precisamos un dicionario deste estilo.

Avante Toda

Dada a situación actual do galego, pensa que este tipo de proxectos poden axudar á súa normalización?  
Esta ferramenta fixémola nós, desde a nosa empresa, porque nos é imprescindíbel para traballar. Era importantísimo que existise este servizo, porque non existe outro, non temos unha serie de ferramentas a elixir, por iso tivemos que creala. Principalmente porque tamén traballamos con material educativo e precisamos poder buscar as palabras necesarias para cada cousa. É imprescindíbel para o galego ter estes servizos e vese que a xente os quere. A acollida deste dicionario foi moi boa, e iso que só o comunicamos en redes. Mais si, tivo moita repercusión dentro de certos ámbitos e a resposta foi xenial.

Comentarios