A VI Xornada de Onomástica decorrerá en Pontevedra o día 16

A VI Xornada de Onomástica profunda nos nomes dos lugares do Camiño de Santiago e pula por situar Galiza como "centro dos estudos toponímicos" en Europa.
Unha peregrina pasa por diante do Mosteiro de Samos, por onde transcorre o Camiño de Santiago francés (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Unha peregrina pasa por diante do Mosteiro de Samos, por onde transcorre o Camiño de Santiago francés, a 16 de xuño de 2021, en Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Cebreiro, Triacastela, Montán, Fontearcuda, Furelos, Melide, Lavacolla... Unha vez máis o Camiño de Santiago marca o percorrido a seguir e, desta volta, serán os nomes dos lugares "do primeiro Itinerario Cultural Europeo" os protagonistas da VI Xornada de Onomástica Galega. Un encontro que incidirá, da man de especialistas de distintas disciplinas, no estudo dos nomes de lugares que atravesan as diferentes rutas que fan o Camiño

A evolución dos nomes de Gallecia e Spania ao longo da Idade Media e os nomes literarios no Códice Calixtino, a presenza da onomástica de Santiago alén da Galiza ou a aplicación didáctica da toponimia son algúns dos aspectos que se abordarán. 

Anselmo López Carreira, profesor da UNED, e Pilar Cagiao e José María Anguita Jaén, da Universidade de Santiago de Compostela (USC); e as docentes de secundaria Sandra Beis Silva, María Carmen Liñares e Xano Cebreiro participarán no encontro cos relatorios incluídos no programa, coordinado polas académicas Ana Boullón e Luz Méndez

Galiza como "centro dos estudos toponímicos"

Para alén do máis, a xornada contará cunha mesa redonda final na que se tratarán, desde distintas perspectivas, os estudos toponímicos do Camiño e a posibilidade de que Galiza se constitúa como centro dos estudos toponímicos en Europa.

Esta mesa contará coa participación do académico correspondente Gonzalo Navaza, o membro da Academia Xacobea Eduardo López Pereira, a antropóloga do Centro Superior de Investigacións Científcas (CSIC) Cristina Sánchez Carretero e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez

A VI Xornada de Onomástica Galega, coorganizada pola Real Academia Galega (RAG) e a Deputación de Pontevedra, desenvolverase o vindeiro sábado 16 de outubro no Museo de Pontevedra. As persoas interesadas en participar presencialmente poden inscribirse no encontro até o próximo 14 de outubro. Ademais, as sesións emitiranse en directo a través de academia.gal.

A RAG e a Deputación de Pontevedra coorganizan desde 2016 as xornadas anuais do Seminario de Onomástica da Academia. A entidade provincial apoia ademais a publicación dos traballos presentados nestes encontros, dedicados nas edicións anteriores á microtoponima, os nomes e apelidos, os alcumes, os nomes das rúas e os nomes comerciais.

Comentarios